Ía nun avión, tiráronlle un café fervendo, e o culpable...

sofía Vázquez CRÓNICA ECONÓMICA

ECONOMÍA

María Pedreda

23 jul 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Cando se le a sentenza do 6 de xullo do 2023 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea tense a sensación de estar a visualizar o conto da boa pipa, ese que dá voltas e voltas a unha pregunta e que nunca se acaba. Pero o certo é que o fallo xudicial ten o seu interese por canto establece quen ten a responsabilidade dentro dun avión cando ocorre un accidente ou incidente que pode ser máis ou menos grave.

O nome do protagonista desta historia correspóndese coas iniciais DB, quen o 18 de decembro do 2016 (hai xa sete anos e o caso acaba de rematarse agora) viaxou de Tel Aviv (Israel) a Viena (Austria) nun voo operado por Austrian Airlines. Durante a viaxe, unha cafeteira que contiña café quente caeu do carriño utilizado para o servizo de restauración ofrecido aos pasaxeiros e causou queimaduras a DB. As queimaduras —deberon de ser relativamente importantes, aínda que non se especifica no fallo xudicial— precisaron de primeiros auxilios, que foron dispensados a bordo da aeronave.

Tres anos despois, concretamente o 31 de maio do 2019, DB presentou ante o Handelsgericht Wien (Tribunal Mercantil de Viena, Austria) unha demanda contra Austrian Airlines que tiña por obxecto, por unha banda, que lle fose abonada a contía de 10.196 euros en concepto de indemnización por danos e prexuízos, e por outra banda, que se declarase a responsabilidade desa compaña aérea por todos os danos futuros resultantes do agravamento das súas queimaduras como consecuencia de que os primeiros auxilios dispensados a bordo non foran adecuados. DB, que non se andou con chiquitas, alegou que Austrian Airlines era responsable non só do descoido do seu persoal que, na súa opinión, provocou a caída da cafeteira, senón tamén da mala praxe ao socorrelo.

A compaña, pola súa banda, negou a maior e asegurou que as lesións sufridas foron correctamente tratadas e que, ademais, xa expirara o prazo de dous anos para exercitar a acción indemnizadora de danos e prexuízos previsto no artigo 35 do Convenio de Montreal. O pasaxeiro, en cambio, estimou que ese artigo do convenio non é aplicable ao caso porque os primeiros auxilios non forman parte do concepto «accidente» (único) e considera que o é o dereito austríaco, que dá un prazo de tres anos para reclamar.

Os actores deste conflito empezaron a recorrer ata chegar ao Tribunal Supremo do Civil de Austria, que deu unha nova volta de porca e preguntouse o seguinte: os primeiros auxilios dispensados a bordo da aeronave constitúen un feito danoso distinto ao accidente ocorrido pola caída do café ou ambos os acontecementos constitúen un único accidente? Aínda que non llo crean vostedes, a apreciación é importante para o fallo xudicial. E o máximo tribunal da UE considerou que todo o ocorrido forma parte dun mesmo accidente: «en presenza dun conxunto de acontecementos intrinsecamente relacionados que se suceden, sen interrupción, no espazo e no tempo, debe considerarse que ese conxunto constitúe un único e mesmo accidente», no sentido do Convenio de Montreal que «permite que os pasaxeiros sexan indemnizados doado e rapidamente sen que se impoña ás compañas unha carga moi gravosa, dificilmente identificable e cuantificable, que podería paralizar a súa actividade».

En conclusión, o tribunal presidido pola señora K. Jürimäe sentenciou que os primeiros auxilios dispensados a bordo ao pasaxeiro que sufriu as queimaduras forman parte da responsabilidade obxectiva da compaña, e, como consecuencia, o pasaxeiro queimado polo café perdeu o preito por non estar rápido. Vaia queime!