Megasa compra unha planta do sector metalúrxico situada nun porto do noroeste francés

Beatriz García Couce
b. couce FERROL / LA VOZ

ECONOMÍA

CESAR TOIMIL

Trátase da empresa Société Rouennaise de Déroulage, especializada na produción e venda de produtos elaborados de metal

24 mar 2023 . Actualizado á 14:04 h.

Megasa amplía a súa presenza internacional, despois de adquirir unhas novas instalacións en Francia. Trátase da empresa Société Rouennaise de Déroulage, especializada na produción e venda de produtos elaborados de metal. Aínda que a siderúrxica naronesa mantén o férreo silencio que caracteriza a súa actividade, nas respectivas páxinas web de ambas as firmas xa se dá conta da incorporación da sociedade gala ao grupo industrial galego. A compra fíxose efectiva este mesmo mes.

Société Rouennaise de Déroulage foi fundada no ano 1991. Está situada a beiras do Sena, nun espazo portuario con capacidade para acoller a atracada de barcos de ata 10.000 toneladas. Situada a trinta quilómetros da localidade de Rouen e a cincuenta de Le Havre, na Normandía gala —ao norte do país— ten capacidade para mover ata 150.000 toneladas anuais de produtos. Tamén conta con proximidade ás estradas principais da rexión.

Société Rouennaise de Déroulage informou de que a adquisición «permite ao grupo Megasa diversificar e intensificar a súa presenza en Europa e ofrecer toda a súa gama de produtos». Ademais, posibilita un incremento da capacidade de almacenamento e de movemento da produción que sae da planta de Narón.

Vía marítima

A proximidade da factoría do Couto ao porto ferrolán, desde onde dá saída habitualmente aos seus produtos, permitirá ademais realizar envíos pola vía marítima ás novas instalacións do país galo e, desde aí, tamén poderá circular a mercancía, tanto en barco como a través do transporte por estrada.

De acordo coa información económica publicada no país, a caída do resultado económico da firma gala foi unha constante nos últimos anos. Conta cun persoal inferior a 20 traballadores.

Directivos de Megasa xa visitaron as instalacións portuarias e a planta recentemente. Fontes do sector afirmaron que o grupo industrial tiña no seu punto de mira esa operación desde facía tempo.

En tres países

Megasa conta con tres plantas de produción en España (dúas en Narón e unha en Zaragoza); tres en Portugal (dous preto de Lisboa e outra no Porto), ás que agora suma a de Francia. En territorio nacional e no país luso dispón ademais de senllas factorías de reciclaxe. En Madrid posúe un centro de distribución.

O grupo, de orixe familiar e fundada no ano 1953, ten un persoal global de máis de 1.000 empregados —130 dos cales se atopan na siderúrxica naronesa— conta cunha capacidade anual de fabricación de tres millóns de toneladas de artigos de aceiros longos, entre eles, redondo corrugado, alambrón e malla electrosoldada.

Nestes momentos, o persoal da acería do Couto traballa a dúas quendas, pola mañá e pola noite. Ao tratarse dunha empresa electrointensiva, focaliza a fabricación nas franxas horarias máis económicas para o consumo eléctrico. A partir de maio, pasarán a operar nas quendas de mañá e tarde, ata o mes de xullo, no que o cadro de persoal goza das súas vacacións de verán.