Alberto Vaquero: «Será difícil dar cunha solución a curto prazo para a enerxía»

Sara Cabrero
S. Cabrero REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

MIGUEL VILLAR

O economista apunta que Galicia importa de Ucraína produtos por case 130 millóns de euros ao ano

13 mar 2022 . Actualizado á 05:00 h.

A guerra en Ucraína chega no peor momento posible. Cunha sociedade aínda sandando as feridas da pandemia e cunha recuperación aínda dando os seus primeiros pasos, o conflito traerá consigo unha nova época de vacas fracas. E Galicia non será unha excepción. Familias e empresas terán que afrontar un escenario tormentoso para o que non estaban preparados.

—Galicia está preparada para asumir as consecuencias do conflito e das sancións?

—Ningún país ou rexión estaba preparado para as consecuencias que está a supor esta invasión de Ucraína. Galicia é unha rexión cunha alta capacidade exportadora, pero tamén necesitada de materias primas para producir e deficitaria enerxeticamente. Ademais, o noso tecido industrial tamén require factores que se importan. O problema non son só os efectos económicos da guerra, senón tamén as actuacións derivadas das sancións, e o peor é que veu tras pasar unha pandemia mundial, estando en grave perigo a recuperación.

—No caso de que o conflito se prolongue, que consecuencias pode carretar para as empresas galegas?

—As consecuencias xa se están notando, posto que Galicia é unha comunidade moi exportadora. O problema é o encarecemento dos produtos alimenticios, en especial os cereais e o aceite. A falta dalgúns produtos, como o aceite de xirasol, está a provocar que se limite a compra deste produto por cliente, unha imaxe que parece lembrar os peores momentos da pandemia, cando tamén se limitaba a compra de certos bienes.

—E que sucederá con empresas como Inditex, que teñen en Rusia un dos seus mercados máis importantes?

—Como é evidente Inditex vai reducir os seus niveis de beneficios, pero unha multinacional sempre aguanta mellor estes envites. O principal problema son as industrias auxiliares que dependen da multinacional e que non teñen esa capacidade de aguante.

—A situación que estamos a vivir obriga a revisar o mercado enerxético. Galicia ten capacidade para buscar alternativas coa rapidez que esixe o contexto actual?

—Galicia ten unha importante capacidade hidráulica, pero son centrais dunha xeración de enerxía bastante limitada. Tampouco hai un desenvolvemento importante de enerxía solar. Vai ser complicado atopar unha solución a curto prazo para reducir esta dependencia enerxética.

—A industria está a verse obrigada a parar ante o custo que supón seguir funcionando... Dadas as propias características do noso sector secundario, somos máis vulnerables que noutros territorios? 

—Galicia necesita de materias primas e enerxía para que as súas industrias, en especial a automoción siga producindo. A nosa principal vulnerabilidade é a dependencia que temos

—Os expertos xa advirten que case todos sairemos máis pobres deste conflito...

—A inflación xa viña avisando de que algo estaba a pasar cos prezos, pero agora a subida da enerxía está a facer moito dano ás familias. É certo que o inverno se está acabando e isto frea a demanda, pero despois do verán comeza o outono e de novo a nosa demanda enerxética volverá subir. Non é previsible máis que unha mellora puntual, ante a menor demanda de gas ao finalizar o inverno.

—Que importancia teñen países como Ucraína ou Rusia na balanza comercial galega?

—Só as vendas de Galicia a Ucraína o ano pasado superaron os 100 millóns de euros; mentres que as nosas compras a ese país son de preto de 130 millóns. As importacións de Rusia, preto de 300 millóns e as exportacións 120 millóns. Das compras a Rusia, 288 millóns son en produtos enerxéticos, carbón e petróleo. A dependencia de Ucraína é sobre todo por produtos alimenticios.