Os mozos que loitan contra a Galicia baleira

Mila Méndez Otero
Mila Méndez A Coruña / LA VOZ

ECONOMÍA

A. García / A. Manso / M. Souto / A. López

Eles non se van. Son agricultores ou gandeiros por vocación nun medio rural que non queren ver deserto

06 may 2019 . Actualizado ás 19:58 h.

Na primavera do 2016 José Antonio Balsa tiña claros os seus plans. Estaba a cursar segundo do ciclo superior de Gandería e quería presentar o plan de mellora da explotación familiar para optar a unha axuda do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR). Foi a primeira vez que saíu en prensa nunha reportaxe sobre o futuro do sector. Tres anos despois, este mozo de 22 anos é cotitular da gandería, cuxa posta a punto é unha realidade.

Non fixo caso daqueles que o animaron a abandonar. O consello habitual nun municipio que ben podería abandeirar o éxodo da emigración galega en Suíza. En Xenebra, os de Tordoia contan con centro cultural e equipo de fútbol propios. «Foise moita xente. Non o envexo, para min é un privilexio estar aquí. Ser o meu xefe, vivir do campo. Dáme rabia cando escoito comentarios negativos como: ‘No rural, formación pouca’. Por que? Ou ‘é un traballo escravo’. É cuestión de organizarse», defende.

Dáme rabia cando escoito comentarios negativos como: ‘Non rural, formación pouca'

Catro de cada dez

Está a cargo de un negocio con 90 vacas en ordeño na comarca de Ordes. É un deses mozos galegos que loitan contra a Galicia baleirada. «Quedaremos poucos, pero convencidos. Os gandeiros serán máis profesionais e cunha maior produción», prognostica. Unha das consecuencias da fuxida das xeracións máis novas ás cidades pálpase no sector lácteo.

No 2018, 382 mozos gozaron das axudas de Medio Rural, case un 40 % menos que fai tres anos Os cálculos da Asociación Terra e Leite, presentados nunhas xornadas organizadas pola Fundación Juana de Vega da Coruña, cifran en case 4.000 as explotacións galegas que teñen como titular a unha persoa de máis de 55 anos. Isto significa que catro de cada dez granxas lácteas botarán o peche nun decenio se non conseguen unha substitución.

«Mesmo as máis viables non son conscientes do que se lles vén amais . Non chega con funcionar ben hoxe», advirte o presidente de Terra e Leite e empresario do sector agrogandeiro en Progando, Xosé Turnes. O reto non é só galego. Segundo un informe do Consello Europeo de Novos Agricultores, só o 7 % dos agricultores da UE teñen menos de 35 anos, unha porcentaxe que no caso de España baixa ao 5,3 %. «A diferenza é que en Francia están a tratar esta ameaza. Nós non falamos en serio do problema», matiza Turnes.

Falta de substitución

As axudas PDR que reparte a Consellería de Medio Rural son un dos indicadores para saber cantos mozos -maiores de 18 e menores de 41- danse de alta como titulares ou socios de producións agropecuarias. No 2018, recibíronas 382. Un 38 % menos que no 2016, cando foron 618, e un 25 % menos que no 2017, ano no que se outorgaron 465. «Aprobamos a totalidade das solicitudes que cumpren os criterios esixidos. Van dos 25.000 euros aos 70.000», detalla Nicasio Mejuto, subdirector xeral de », Explotacións Agrarias. «En Galicia temos un despoboamento gravevalora, ao mesmo tempo que admite que só con subvencións non se pode atraer aos mozos. «Piden servizos, como nas cidades», recoñece. Ademais, a axudas PDR limítanse á produción primaria, non á transformación de derivados.

O elevado custo que supón modernizar unha granxa e a falta de «unha mellor ordenación do territorio» son dúas das trabas que subliña Xosé Turnes. «Precisamos máis superficie. En Francia, onde estiven, non hai explotacións de menos de 120 hectáreas. A administración tiña que mirar máis por nós, no lugar de plantar tantos eucaliptos», di o gandeiro José Antonio Balsa.

 

«Temos un problema de man de obra. Aínda hai moita explotación laboral. As condicións teñen que ser equiparables ás do resto dos sectores. Logo, están as herdanzas. Moitas granxas están abocadas ó conflito. Apenas unha vintena son SL (sociedade limitada), as sociedades máis comúns entre as pemes. A estrutura legal é pouco dinámica para facilitar a transición. O rural segue cunha normativa do século XIX», expón Turnes. José Antonio Balsa sinala outro factor: «As mensaxes sempre son negativas. Todo é malo. Deberían dar esperanzas, en vez de quitalas».

«A educación non pode formar profesionais para desertar, debe crear arraigamento territorial»

Jose Manuel Casal

m. méndez

Luis García dirixe un dos centros de Formación Profesional (FP) que adestran en Galicia a técnicos superiores en Gandería ou en Paisajismo e Medio Rural.

-Preocupa a falta de substitución?

-A falta de substitución xeracional é o gran problema. Durante anos, o foco estivo nos obxectivos técnicos, na reforma das explotacións, no aumento da cota... Había outras prioridades. Hai que pór o foco nos obxectivos humanos. E con urxencia.

-Como?

-Temos que facer que sexa un sector atractivo. Os empresarios gandeiros teñen que mellorar as condicións laborais e a contorna de traballo. Necesitan asalariados cualificados para profesionalizar o sector e teñen que telos en consideración. Doutra banda, as administracións deben investir en servizos e infraestruturas no medio rural.

-Que papel xoga a educación?

-O que se ensinaba fai dez anos xa non vale hoxe. Pero non se trata só dos contidos. En Galicia estivemos durante moito tempo formando a mozos para o éxodo, para desertar. A educación ten que servir para crear arraigamento territorial. Non se trata só de salvar a papeleta da túa explotación, hai que dinamizar, xerar desenvolvemento local.

-Aínda pesan os estereotipos?

-Transmitiuse unha imaxe distorsionada da realidade. Calquera traballo era máis atractivo. Socialmente, o medio rural estaba mal visto. Como algo de segunda clase. Hai que dignificalo. As relacións urbano-rurais non poden ser contraditorias. Ambos os ecosistemas deben de tirar o un do outro. O noso centro está en Coristanco, só nos separa media hora en coche da Coruña.

-É un problema exclusivo de Galicia?

-Sucede en toda Europa. A diferenza é que, por exemplo, Francia leva anos analizando o problema das xubilacións. Aquí, temos un medio rural congestionado en man de obra.

-Fan falta referentes?

-Si, necesitamos exemplos positivos. Mostrar o que están facendo moitos mozos a día de hoxe ou que no rural traballan desde profesionais universitarios a estudantes dun ciclo.

-Pero de verdade hai traballo aquí?

-Haino. É un sector con moitas posibilidades que necesita diversificación e complementariedade dentro da mesma explotación. O lácteo é a nosa industria máis importante, pero hai campo máis aló do leite. Tamén hai que aumentar o valor engadido, avanzar na transformación, innovar. A Administración ten que facer un esforzo [as axudas de Medio Rural céntranse na produción primaria], xa que a maioría son pequenas explotacións familiares.

-Como está aquí o papel da muller? É o rural un medio masculinizado?

-Aos ciclos, aos poucos, empezan a apuntarse máis mozas. Para contar con mozos profesionais, tamén debe ser un sector atractivo para elas. En Galicia sempre houbo mulleres traballando no campo. Facéndose cargo das explotacións ou das hortas. O problema é que, nas reunións da cooperativa, elas quedaban en casa e só asistían os seus maridos.