Ser gandeira e nai merece castigo, segundo a Seguridade Social

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

ECONOMÍA

Ana Garcia

A Administración persegue a unha veciña de Muxía porque tivo unha filla recentemente dada de alta na agraria

21 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Elena e Marcos son unha parella nova, que traballa no rural e que ten fillos. Toda unha especie en perigo de extinción que, a xulgar polos eslóganes gobernamentais, debería estar máis protexida que o lince ibérico e que, con todo, topouse cun castigo da Seguridade Social; basicamente por iso, por querer traballar e formar unha familia.

Segundo relata a propia afectada, que agora ten 37 anos, os seus plans para pórse coas vacas empezaron a principios do 2016 e, de feito, aínda onte aprobou en Guísamo un dos cursos que está a realizar. Mirou outras cousas, pero non atopou nada que lle convencese e decidiu pórse a traballar co seu marido. Crearon unha sociedade e empezaron con todo o papelorio para en febreiro solicitar a axuda de nova incorporación, que ascende a 20.000 euros, pero que quedan nuns 17.000 despois de impostos. Como os trámites son bastante longos estendéronse ao ano seguinte e polo camiño Elena quedou embarazada. En agosto do ano pasado deu a luz e cando foi a pedir a baixa por maternidade empezaron os seus problemas. «Din que cometín un fraude moi grave á Seguridade Social, porque me dei de alta só para cobrar a baixa de maternidade, cando realmente a propia subvención xa me obriga a estar dada de alta polo menos cinco anos. Primeiro penalizáronme con seis meses sen baixas e agora eliminaron a miña alta, como se non existise. Eses meses que paguei á Seguridade Social perdinos, nin coticei nin nada», relata a muller, que ademais desta filla, que o mes que vén cumprirá un ano, ten outra de cinco.

As melloras realizadas na explotación de leite están á vista, a parella cobrou a metade da axuda que lle correspondía e Elena volveuse a apuntar na rama agraria do Réxime Especial de Autónomos, aínda que agora conste só desde maio deste ano e non desde que empezou a pagar, en xullo do 2017, un mes antes de dar a luz. 

Un relato sen desperdicio

O propio relato dos feitos da Seguridade Social non ten desperdicio: «Certo é que unha conduta fraudulenta como a que aquí se analiza ten difícil proba [...] por iso a existencia da infracción imputada só se pode obter, para o caso que nos ocupa, pola vía das presuncións». Unha argumentación que para o avogado de Elena, Antonio Veres, resulta algo máis que asombrosa «porque vén dicir pouco menos que saben que non hai probas diso, pero que o supoñen e xa está».

En definitiva, a Administración deféndese que a muller empezou a cotizar para coller a baixa, e a afectada insiste en que se deu de alta nos prazos que lle marcaron para acollerse á subvención. Por iso é polo que se o recurso presentado non prospera pense recorrer aos tribunais.