Carta aberta ao alcalde de Vila de Cruces

La Voz

VILA DE CRUCES

Jesús Otero

06 jul 2025 . Actualizado a las 16:45 h.

Carta aberta ao alcalde da Vila de Cruces, Luís Celso Taboada Sánchez

Señor Taboada:

Vostede di que teño moito tempo libre dende que me xubilei. Pois si, téñoo, e síntome profundamente orgulloso de poder desfrutar da miña xubilación aos 63 anos, despois de toda unha vida de traballo honesto e constante: primeiro na empresa privada e despois na administración pública. En total, 44 anos e 317 días cotizados. Non teño nada que agochar, nin do que avergoñarme. Non sei se é iso o que lle doe tanto.

Semella que a miña xubilación lle preocupa máis do que debera, probablemente porque a súa tivo que acadala a través dun proceso xudicial para obter unha incapacidade laboral que, supostamente, lle impedía seguir ao fronte da súa empresa construtora. E velaquí a paradoxa: quen non podía traballar por motivos de saúde, agora pretende xestionar un Concello. Iso si, sen cobrar do mesmo, porque rozaría o absurdo (ou máis ben o esperpento) que unha persoa incapacitada para traballar si puidese estar ao fronte da administración municipal. Esa, señor Taboada, é a verdadeira razón pola que vostede non cobra do Concello, non polas súas falsas mostras de altruísmo.

Di vostede tamén que non ten tempo para desmentir as miñas «inxurias, calumnias e barbaridades». Pois ben, o que realmente resulta lamentable é que todo canto afirmo vén sempre acompañado de documentos e probas que o acreditan. A diferenza de vostede, eu falo con datos, non con ataques persoais. Porque, por desgraza, o único que fixo vostede nos últimos tempos foi iso: atacar á miña persoa, desviando a atención da súa propia xestión.

E xa que lle gusta tanto falar da miña vida ou de que non pago os meus impostos —acusacións totalmente infundadas—, debería comezar por mirar para o seu propio embigo. Porque quen realmente tivo problemas cos impostos foi vostede, señor Taboada: pouco antes de presentarse á Alcaldía, debía máis de 200.000 euros á Axencia Tributaria. Iso si que é non pagar os impostos. Iso si que debería darlle vergoña. Antes de lanzar lodo contra os demais, límpese vostede primeiro.

En canto á súa afirmación de que a nosa oposición non mira polo benestar dos veciños, permítame dicirlle que precisamente iso é o que facemos. Exercemos unha fiscalización seria e responsable, que a vostede lle resulta incómoda porque saca á luz todas as irregularidades que está a cometer. E diso, señor alcalde, temos documentación de sobra.

Tamén quero deixar algo moi claro: eu nunca precisei de ningún asesor de comunicación, nin para maquillar a realidade nin para vender fume. Mentres fun alcalde, dediqueime única e exclusivamente a traer servizos, dotacións e infraestruturas que hoxe son unha realidade en Vila de Cruces. Falamos da residencia de maiores, do instituto, da escola infantil, dos locais sociais, de auditorios etc etc e tamén da compra dos terreos para o Polígono Industrial dos Aguillóns, un proxecto fundamental para o futuro económico do noso municipio e que vostede ten paralizado por puro capricho persoal, demostrando que os intereses persoais están, para vostede, por riba do interese xeral.

Iso foi o que me preocupou sempre: traer o máximo para o noso concello e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. Non estiven pendente da miña imaxe pública nin obsesionado coa oposición como está vostede, senón dos feitos. Porque o traballo ben feito non precisa propaganda.

E mire, señor Taboada, este tipo de cartas non son o meu estilo. Nunca me gustou entrar neste tipo de confrontacións persoais. Pero todo ten un límite. E chega un momento no que un ten que levantar a voz e poñer freo, porque calar ante tanto ataque constante, persoal e inxusto sería darlles lexitimidade. E iso, por dignidade e por respecto a todos os veciños que confiaron en min, non o vou permitir.

Remato dicíndolle que o respecto non se impón con titulares nin con difamacións. Gáñase coa verdade, co traballo e coa honestidade. E diso, señor Taboada, estou convencido de que lle queda moito por aprender.

Atentamente,

Jesús Otero

Ex-alcalde da Vila de Cruces