
Este ano homenaxearase ao poeta Xoán Xosé Fernández Abella
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Chega a XVII Forxa Literaria da Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño en Vila de Cruces, que este ano coincide co trixésimo aniversario da fundación. O evento terá lugar o próximo día 12 a partires das 18.00 horas e terá coma protagonista a Xoán Xosé Fernández Abella, o homenaxeado desta edición.
O motivo desta lembranza ó poeta monfortino débese á súa constante participación e presenza en tódolos actos realizados pola fundación. É por isto que Carmen Lareo, presidenta da organización, expresa o seu gran agradecemento co escritor.
O encontro iniciará cun concerto de Yago Fernández, un cantante de Vila de Cruces, seguido da benvida por parte da presidenta Carmen Lareo e da intervención das autoridades presentes.
A continuación mostrarase ós presentes o relevo de Xoán Xosé Fernández Abella, realizado por José Luís Ferreiro Diéguez. A música non faltará este día entre os asistentes, sendo o gaiteiro lalinense Plácido Rozas o seguinte músico que actuará nesta xornada. Interpretará o Himno de Galicia e a Muiñeira da Solaina.
Tras isto realizarase unha mesa redonda literaria sobre o homenaxeado, na que participarán Charo Golmar, Rosalía Morlán, Valentín García, Xosé Manuel Lobato e Xosé Luna. Unha vez rematada, terá lugar á entrega da medalla ‘Amigo da Solaina, que este ano se concede a Xosé Vispo Rey, antigo avogado de Paco Lareo e que o pasado día 1 de xullo foi nomeado patrono de honra pola fundación. Por outra banda, galardoarase a Xosé Payo Cangado, que Damián Paío, patrono da fundación, o califica como o «cronista» da Fundación Paco Lareo.
Na Forxa Literaria terá lugar un recital poético no que intervirán María Jesús Payo, Xosé Carlos Carracedo, Iría Anido, Xosé Luna, Alba Payo, Xosé Manuel Lobato, Charo Golmar e Rosalía Morlán. Como peche final do acto, Manoele de Felisa ofrecerá un concerto para rematar do mesmo xeito que comezará, cun agradable ambiente musical.
Dende a Fundación, a presidenta Carmen Lareo anima a asistir a este acto de portas abertas, no que un ano máis múltiples personalidades se reúnen co fin de poñer en valor a cultura galega no rural e a súa dinamización.