
Un grupo de quince mozos, entre os que se atopaban varios de Silleda, foron recibidos en Bruxelas polos eurodeputados Francisco Mon, do PP; Nicolás González Casares do PSOE e Ana Miranda do BNG. O grupo, da Rede Compás, que contou con participantes tamén de Brión, Bueu, Monfero e Viana do Bolo, actuou en representación deste proxecto educativo.
A iniciativa permitiu aos participantes trasladar aos eurodeputados destas tres forzas políticas as súas demandas en relación ao rural galego.
A viaxe supuxo o colofón e o final dun camiño iniciado hai un ano co obxectivo de pór en valor a relevancia da participación dos mozos do rural galego na construción do seu propio futuro.
O grupo puido presentar as súas propostas e aproveitar para coñecer o hemiciclo europeo, así como o funcionamento das institucións europeas e a influencia das directivas europeas nas políticas rexionais. Completaron a súa viaxe cunha visita á Casa da Historia Europea que lles permitiu entender mellor as orixes de Europa e as motivacións da unión política que deu lugar á Unión Europea.