Comezan óbraas de mellora en pistas de Rellas, en Silleda

j. b. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

Esta actuación inclúese no plan de mellora integral viaria

18 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Na parroquia silledense de Rellas acaban de comezar os traballos de aglomerado de pistas. Esta actuación inclúese no plan integral de vías locais que se executa durante este ano con cargo ao préstamo solicitado polo Concello, cun importe de 1,75 millóns de euros. Os traballos acométeos a empresa lalinense Taboada e Ramos, iniciándose no lugar da Lama. Neste punto aglomeraranse dous tramos, mentres que hoxe se continuará co traxecto entre a igrexa e Torrevedra, así como toda a pista neste lugar.

A rexedora e responsable de Obras, Paula Fernández, onda a tenente de alcalde, Mónica González, supervisaron onte as tarefas de asfaltado. Anunciaron que os traballos se trasladarán despois aos lugares de Toxa e Toiriz, da parroquia de Silleda, así como a Costela, na de Margaride. Dentro dese mesmo plan de obras no rural están a acometerse traballos previos ao acondicionamento integral das vías en Xestoso, no núcleo principal desta parroquia. Entre eles a limpeza de cunetas e marcado de tubaxes.

O programa en marcha prevé melloras en viais dunha decena de parroquias e todos os proxectos previstos xa están en proceso de contratación ou execución. Están xa adxudicados e pendentes de inicio en Abades, Manduas e Piñeiro. Quedan por adxudicar en Chapa, Dornelas, Ponte e Cira, con algúns informes pendentes.

Vecinos demandan ampliar a obra no acceso da Lama

Veciños da parroquia de Rellas, pola súa banda, reclaman que se amplíe a mellora do vial da Lama. Resaltan que se atopaba moi deteriorado polos que solicitan que se aproveite a actuación prevista para acondicionar todo o tramo previamente con asfalto. Nas obras comezadas a finais de xuño queda pendente, din, por executar un tramo final de cen metros que dá acceso a unha casa. Para os residentes, «é unha pena que non conclúan ata aí aproveitando o proxecto». Resaltan ademais que debido a unha fonte que hai nesa zona a auga esnaquiza aínda máis o firme do vial.