Preto do 70 % das empresas cren importante promover o uso do galego

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Rocío Ramos

Unha enquisa reflicte a boa actitude respecto a lingua nese sector en Deza

17 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta escolleu a comarca de Deza, cun importante grado de galegofalantes, e a Asociación de Empresarios de Deza (AED), para facer un estudo sobre o uso do galego no ámbito empresarial. Os resultados foron dados a coñecer onte polo presidente da AED, David Campos, que estivo acompañado da secretaria da asociación, Chus García, e analizados por Valentín García, secretario xeral da Lingua. García subliñou algúns datos reflectidos na enquisa, que contou coa participación de 203 empresas a maioría do comercio e o sector servizos. Entre eles que «as tres cuartas partes das empresas, un 69,5 %, consideran importante promover o uso do galego na actividade empresarial». Puntualizou que supoñen «unha base certeira sobre a que traballar». Fixo fincapé no feito de que «a diagnose que nos deixa este documento é razoablemente positiva e serve de punto de partida para mellorar, que é o obxectivo do Pacto pola Lingua».

Destacou que a meirande parte, un 83,7 %, consideran que nas súas empresas existe un amplo coñecemento do galego, tanto por parte dos cadros directivos como da plantilla de traballadores». A actitude fronte ao galego tamén saca boa nota, apunta García, xa que unha ampla maioría, dun 88,7 %, considera que as súas empresas teñen unha actitude positiva cara o uso do galego e so un 2,5 % cre que non.

En canto a comunicación. 0 69.5 % los enquistados afirman que utilizan o galego como lingua maioritaria na comunicación interna das súas empresas e tan só un 8,9 % emprega o castelán neste eido dun xeito maioritario ou en exclusiva. Só un 2 % emprega o castelán sempre e un 21.7 % emprega tanto galego como castelán por igual. Si falamos do idioma preferente nas comunicacións externas da empresa, as cifras baixan. Un 39,4 % usan maioritariamente o galego, un 27,6 % galego e castelán por igual. Un 22,2 « maioritariamente o castelán e un 8,9 % o galego sempre.

Valentín García destacaba onte un dato que reflectía a existencia dunha importante incertidume entre os enquistados acerca da existencia dunha demanda social respecto da utilización do galego na actividade cotiá das empresas. Algo máis da metade, un 52,/ % non o tiña claro, fronte a un 25,6 % que respondía que si e un 21.7 % que cría que non existía unha demanda real.

Tampouco tiveron clara a resposta a pregunta de si considera que os clientes valoran positivamente o uso do galego na súa empresa. O 36 % respondeu que si. A un 35% lle resultaba indiferente e un 24,6 % non o tiña claro.

Preto da metade, un 49,8% non percibía que o uso do galego lles aporte valor comercial, se ben un 42,8% aprecia que «axuda a achegarse ao cliente local e a diferenciarse da competencia». Pola contra, só un 7,4 % percibía unha incidencia negativa do uso do galego. A enquisa contaba con 30 preguntas, das cales cinco eran relativas ao tipo de empresa, número de empregados... e as 25 restantes centrábanse en cuestións relativas ao galego. Os datos recolléronse do 26 e novembro ao 20 de decembro do 2024 co envío dun formulario telemático. Das 339 empresas e autónomos afiliados á AED, responderon 203. Un 79,8 % de Lalín con 162. O resto foron 5 en Dozón, 8 en Rodeiro, 10 en Silleda, 5 en Vila de Cruces e 3 en Agolada, así como 10 noutros concellos.

Un 47,8 % das empresas teñen de 1 5 empregados, un 23,2 % de 6 a 20 traballadores e un 16,7 % son autónomos. Doce das empresas que participaron teñen máis de 50 empregados e 12 teñen de 21 a 50 traballadores.

Pouca documentación no noso idioma e a existencia de demanda de recursos de estratexia de márketing

Valentín García valorou positivamente os datos recollidos nunha iniciativa «pioneira en Galicia enteira» e que servirán para coñecer o sentir do mundo empresarial respecto ao galego. Datos que servirán para a renovación do Plan Xeral de normalización da lingua galega en marcha. O anterior, explicaba Valentín García, «fíxose fai 20 anos» cando nin as redes sociais existían e nin sequera case nin o uso do correo electrónico estaba xeneralizado.

Cre que os datos recollidos nunha comarca como Deza, cun 70 % de galegoparlantes é moi significativa e apuntou que a enquisa se fará tamén noutras comarcas do territorio galego.

Un 31% das empresas dixeron ter xente doutras nacionalidades e un 9,9 % doutras comunidades. Pese a iso, a porcentaxe de aprendizaxe do galego por parte dos traballadores de fora é dun 56,8 % dun xeito espontáneo e natural, segundo das respostas recollidas.

Pese a boa actitude cara o galego e o amplo coñecemento da lingua, as empresas non contan con documentación en galego. Carecen dela un 59,6 %. Falamos de facturas, albaráns, tarxetas de visita ou folletos, entre outras.

Nos correos electrónicos, o 51,7 % dixo empregar indistintamente o galego e o castelán e pouco máis da metade, un 57,1 % ten paxina web. No contido predomina o castelán cun 47,5 % fronte ao 10,8 % que a ten só en galego. En canto as redes sociais o Facebook segue a ser maioritario, cun 89,7 %, seguido de Instagram cun 76,6 % e Linkedin cun 23,4 %. Nas redes o castelán, cun 26 % supera lixeiramente ao galego, cun 19.3 % nas publicacións.

Na rotulación das empresas predomina tamén na sinalización das empresas enquistadas cun 54,7 % dos soportes nesta lingua. Só un 1 % dixo haber recibido críticas por non usar o galego na súa actividade empresarial ou na atención aos clientes e só un 3,4 % recibiron comentarios ou peticións de clientes a favor do uso do galego nos seus servizos, atención ao público ou documentación da empresa. Tampouco abundan as loubanzas, só un de caza 10 enquistados recibiu algún tipo de recoñecemento polo uso do galego. As empresas avogan por un incremento das achegas económicas para incentivar o uso do galego, demandando recursos de estratexias de márketing e no ámbito da tecnoloxía, algo do que a Xunta toma boa nota.

Hai na empresa boa disposición, cun 59,6 % dos enquistado que manifestou a súa disposición a reforzar o uso do galego, se ben un 15,8 % só o faría en determinadas áreas.