Expedición micolóxica para descubrir os cogomelos da Fervenza da Toxa

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

14 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha dúcia de membros do Grupo Micolóxico Galego Luís Freire realizou este domingo un percorrido pola zona da Fervenza do Toxa, no concello de Silleda, na busca de cogomelos para facer un estudo e catalogar as especies micolóxicas que brotan arredor desta marabilla natural que posúe a comarca de Deza.

Nesta expedición, na que participaron afeccionados das catro provincias, atoparon principalmente cogomelos nas árbores e de pequeno tamaño. O micólogo ourensán Alejandro Mínguez asegurou que isto débese a un exceso de humidade.

«O exceso de chuvia e humidade non favorece a aparición de cogomelos. O que son especies de macromicetos, de maior tamaño e para o consumo, non hai practicamente nada», explicou. En calquera caso, considera que probablemente aparezan en vindeiros días novas especies debido ás condicións meteorolóxicas favorables.

Por outra banda, destacou a limpeza e o coidado do entorno, facendo especial fincapé na gran cantidade de visitantes que aproveitaron o domingo para visitar a fervenza.