Silleda proxecta a reforma do pavillón da Bandeira

d. cofán LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

Investiranse 123.000 euros para renovar a pista, as bancadas e realizar tarefas de acondicionamento nas instalacións

22 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello de Silleda informou que nos próximos meses procederase á reforma do pavillón polideportivo da Bandeira. Unha actuación que se realizará con cargo ao plan de mellora de infraestruturas deportivas da Deputación. O investimento será duns 123.000 euros.

Entre os traballos para realizar destaca a renovación de toda a pista, que na actualidade é de cemento puído. Dotarase dun chan vinílico, renovando a cancha cun pavimento antiescorregadizo e adaptado aos estándares de calidade actuais. Así, explican que se poderán realizar de forma adecuada as diferentes modalidades deportivas que acolle o recinto.

Tamén se substituirán todas as bancadas ao redor da pista e pintarán o peche lateral. O proxecto, que se acaba de presentar á convocatoria de fondos provincial, inclúe o cambio da iluminación ao completo por lámpadas de baixo consumo, así a reparación e o repintado dos parámetros que definen o zócalo, portas e parte dos piares.

Así mesmo, se reacondicionará o espazo que ocupaban os antigos aseos e vestiarios, actualmente en desuso. Este lugar pasará a converterse nunha sala de usos múltiples para actividades como ioga, Pilates ou baile. O Concello explica que, adicionalmente, proxectan outras actuacións de mantemento como a revisión da cuberta, a substitución de canlóns e un soar de formigón puído para mellorar a accesibilidade ao recinto.

A alcaldesa, Paula Fernández, destacou a aposta «por unha instalación que se usa a diario e na que xa se acometeron distintas melloras nos últimos anos, polo que se completará con este proxecto a reforma total das instalacións».

Novos aseos

Tal e como indicou a rexedora, o ano pasado os traballos de acondicionamento permitiron a instalación de novos aseos e vestiarios no pavillón da Bandeira. Unhas obras que tiveron un custo de 89.045 euros, cofinanciadas polo programa Leader.

O polideportivo foi construído a finais dos anos 80 nun terreo anexo ao centro educativo da localidade, que utiliza estas instalacións a diario para a práctica deportiva. Ao longo da tempada o pavillón acolle numerosos eventos e actividades como patinaxe, esgrima ou kung fu.