As cegoñas prefiren o urbano en Rodeiro

Daniel González Alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

Nas Terras de Camba cóntanse catro niños dos trinta existentes na comarca do Deza

05 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas parellas de cegoñas crían nestes primeiros días da primavera na vila de Rodeiro, en senllas torres eléctricas de alta tensión, o mesmo ca outra que buscou o mesmo soporte na parroquia de Río, mentres que unha cuarta parella, que completa o censo municipal de Rodeiro, ata o de agora, volveu esta tempada a facer niño na cheminea da casa grande de Achacán, en terras de Pescoso, onde xa criara hai un lustro.

Anos atrás, tiñan dous niños na parroquia de Álceme en senllos carballos; un enriba dun poste do alumeado público atopámolo no medio do lugar de Barbeitos en Negrelos e outro nun carballo en Río, pero semella que nos últimos tempos, ao igual que os humanos, abandonan o rural e prefiren vivir nas vilas.

O mesmo acontece no municipio de Lalín, onde nos dous últimos anos, estas aves construíron ata tres niños, arredor no casco urbano, na Cidade Xardín, Carragoso de Abaixo e A Corredoira, e aínda outro máis, na veciña parroquia de Goiás, enriba do campanario da igrexa, que completan o censo deste concello dezao, dos que habemos versar noutra ocasión.

Volvendo ao municipio de Rodeiro, aquí as cegoñas levan anos aniñando na liña eléctrica de alta tensión que vai de Chantada a Lalín, na que un niño causou un forte curtocircuíto que tivo a zona sen luz hai dez anos, e dende entón, a empresa eléctrica puxo tarabelas e barreiras nos postes, que non lograron que as aves buscaran outro soporte para construír os seus voluminosos niños de cría.

Preto da vila de Rodeiro, case fronte ao novo cemiterio, houbo outro niño enriba dun carballo, que a ser chimpado obrigou as cegoñas a mudarse para unha torre da electricidade, soporte que segue a ser o preferido polas castro parellas que completan ata o de agora o censo deste municipio de Rodeiro.

Dende hai case cincuenta anos en que arribou a nosa comarca a primeira parella de cegoñas, daquela na parroquia lalinense de Cercio, o censo destas aves non para de medrar e na actualidade temos catalogadas 30 parellas noutros tantos niños sendo o municipio de Silleda con 21 o que mais conta, constituíndo unha verdadeira meca para as cegoñas da comarca de Deza.

O resto das parellas, repártense entre os concellos de Lalín con catro niños, Agolada con un e os catro referidos de Rodeiro, sen que teñamos constancia da existencia de niños en Vila de Cruces, onde anos atrás houbo un nun guindastre de obra no casco urbano e no de Dozón, onde non temos rexistrado ningún ata o de agora.