As pensións de Rodeiro, Dozón e Forcarei non chegarán aos mil euros

D. C. LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

miguel souto

A estimación dun aumento do 2,7% nas pensións para o próximo ano supón un incremento de entre 23 e 29 euros nos municipios das comarcas

30 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A ministra de Seguridade Social, Elma Saiz, anunciou que as pensións contributivas revalorizaranse no 2026 ao redor dun 2,7%, de acordo co Índice de Prezos ao Consumo (IPC) medio interanual. A cifra definitiva confirmarase o próximo 12 de decembro, cando se publique o IPC definitivo. Mentres tanto é hora de facer contas e coñecer como afectará o peto das máis de nove millóns de persoas que reciben pensións contributivas en España, das que preto de 20.000 atópanse en Deza e Tabeirós-Terra de montes.

Co obxectivo de que os pensionistas manteñan o seu poder adquisitivo para o próximo ano, os cálculos do Goberno outorgan nas comarcas unha subida que, en función do concello, varía dos 23 aos 29 euros mensuais de media. Deste xeito, a media da zona sitúase nos 1.029 euros, concretamente 28 máis que no anterior exercicio.

Nas comarcas, se aplicamos a subida do IPC aos importes recolleitos no Instituto Galego de Estatística (IGE) este incremento permite que a maioría dos concellos conten con pensións por amais dos mil euros, unicamente os xubilados de Rodeiro, Dozón e Forcarei continuarían con emolumentos por baixo desa contía. Así mesmo, as diferenzas entre os que máis cobran e os que menos non son demasiado acusadas. A maior distancia dáse entre A Estrada e Rodeiro, acadando os 160 euros.

Os veciños da Estrada son os que reciben as prestacións máis altas, cunha media de 1.035 euros que se verá incrementada no 2026 en algo máis de 29 euros, sendo o municipio no que máis crecen as pensións contributivas (1.064). No outro extremo está Rodeiro, onde menos se incrementan (24 euros). Os xubilados do municipio dezán gañan ao mes, de media, 881 euros, que pasarán a 904 coa entrada do novo ano.

Mileuristas

A alza nas pensións mantén aínda aos xubilados de Dozón, Rodeiro e Forcarei por baixo dos mil euros. No primeiro concello pasan de 893 a 917 euros ao mes e no terceiro dos 895 aos 920. Quen acada esa cota son os residentes en Agolada, Silleda e Vila de Cruzamentos, quen pasaría os mil euros de media no 2026.

En Silleda pasarían de cobrar 992 a 1.019, moi similar ao caso de Vila de Cruzamentos, de 991 a 1.017 euros. Para rematar, en Agolada os pensionistas recibían 977 euros, que a partir de xaneiro serán 1.003. Lalín e A Estrada eran os únicos que superaban esta ditosa cifra. Na capital dezana a media situábase nos 1.019 euros mensuais, que no 2026 serán 1.045.

A nivel comarcal, en Deza as pensións contributivas acadarán os 1.018 euros. Netamente inferiores ás de Tabeirós-Terra de montes, que roldarán os 1.041 euros. Como cada ano, xorde o debate sobre a idoneidade desta subida, que xeralmente non se compasa co custo da vida e profunda a fenda con quen menos ten.