Gandeiros de Rubia Galega queren recuperar a aptitude láctea desta raza

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

RODEIRO

miguel souto

A súa actual morfoloxía complica os partos e o aleitado de tenreiros

29 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Houbo un tempo en que a vaca Rubia Galega «era alta, longa, laxa e cos cornos abertos cara arriba», lembra Alberto Hermida, presidente da nova asociación gandeira Rubia Galega do País, que naceu en Rodeiro. Con todo, nos últimos anos primouse a aptitude cárnica deste animal e iso cambiou a súa morfoloxía, facéndoa máis cuoa «máis curta e cos cornos cara abaixo», engade. Iso estalle provocando os gandeiros unha serie de problemas, sobre todo cos partos e a lactación dos becerros, aos que esta entidade quere pór fin. Por iso solicitou a axuda de centros de investigación e administracións para recuperar a aptitude láctea destes animais.

«Nos últimos tempos se apostou polos valores cárnicos desta raza e perdemos o tipo de vaca que tiñamos, que era de fácil parto e caracterizada por ter leite para aleitar ás súas crías», explica Hermida. E iso, insiste, repercute na economía das ganderías «porque agora teñen fillos moi grandes que dificultan os partos. Iso implica un porcentaxe moi alto de baixas, que repercute na economía das granxas», insiste. Sostén que, para conseguir esa aptitude cárnica «meteron un xene culón» que é o que cambiou a morfoloxía destes animais e que iso «da fillos moi bos para en valor cárnico, pero non en leite».

Agora, a asociación quere porse en contacto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), onde xa teñen en marcha un proxecto similar no que leva tres anos traballando. Tamén, coa Asociación de Criadores de Rubia Galga (ACRUGA). O obxectivo é implicar a estas dúas entidades, e a todos os seus asociados, para que busquen aqueles animais que mellor conserven a aptitude láctea. «Queremos que nos axuden a identificar e marcar en cada explotación esas vacas que se poden asemellar ao que buscamos. E unha vez que as teñamos identificadas, facer a mellora xenética sobre elas», engade.

Máis axudas

Esta foi unha das cuestións que se abordou na reunión que a asociación de Gandeiros de Vaca Loura Galega do País celebrou a pasada fin de semana en Rodeiro. Alí tamén se acordou pedir á Deputación de Pontevedra que se implique máis nas axudas a estes gandeiros. «A diferenza que temos cos gandeiros de Lugo e que eles cada becerro que crían o certifican, porque a Deputación dálle 400 euros para iso», argumenta Hermida. E quere que a entidade provincial de Pontevedra faga o mesmo, de tal forma que «poidamos rexistrar aos nosos animais e ter libros xenealóxicos», asegura. Para iso reclaman, tamén, a colaboración de Mouriscade, a leira que a Deputación ten na provincia de Pontevedra.

Actualmente, a asociación aglutina a 60 gandeiros, a maioría da provincia de Pontevedra. Pero o presidente da mesma lembra que a participación está aberta a todos os interesados, tamén aos doutras provincias galegas. «Esta asociación naceu en Rodeiro e por iso temos máis socios da provincia de Pontevedra, pero tamén temos xente de Chantada ou de Antas de Ulla. Isto está aberto a todo o mundo», asegurou. O seu obxectivo, aclarou, é traballar en colaboración coas figuras que actualmente xa representan o sector, como a IXP Tenreira Galega ou Acruga. «Queremos defender o noso sector dentro das ferramentas que temos, estamos dispostos a axudar para que nos axuden», insistiu. De feito, boa parte dos socios pertencen tamén a estas dúas entidades. «Non imos en contra de ninguén e creo que estar fóra desas organizacións só nos prexudica máis», concluíu.

Impulsar a feira de Río

O seu obxectivo, insisten, é recuperar e pór en valor a vaca Rubia Galega, «á que nosos pais chamaban vaca do país e por iso a asociación se chama así, asociación gandeira de vaca rubia galega do país», insiste. Tamén aposta por impulsar a feira gandeira que se celebraba en Río, en Rodeiro que se recuperou o ano pasado tras un longo parón e repetirase este ano. «Queremos que os nosos gandeiros aporten animais para recuperar esa feira», concluíu.