Lalín recibe a un centenar de mozos do programa Linden

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

O intercambio desenvólvese do 22 ao 31 do mes de xullo

11 jun 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Despois de oito anos, Lalín volve ser este ano anfitrión dun novo intercambio xuvenil encadrado dentro do programa europeo Linden saúda Linden no que participarán medio centenar de mozos de entre 15 e 22 anos procedentes das localidades europeas hermanadas con Lalín e que son Lalinde en Francia, St Georden am Walde (Austria), Schleswing-Holstein, de Alemaña; o municipio belga de Lubbeck e o de Cruijk, nos Países Baixos.

Os encontros celébranse cada ano de forma itinerante, pero o parón de dous anos causado pola pandemia aprazou ata este ano a quenda de Lalín. Onte o concelleiro Avelino Souto acompañado pola tenente alcalde, Paz Pérez Asorey, e Julio Varela do Comité de Irmanamento de Lalín, Cirla, presentaron o programa que se desenvolverá en Lalín do 22 ao 31 de xullo. Aos invitados europeos sumaranse mozos lalinenses que sumarán un grupo dunhas 70 persoas.

Durante a súa estancia en Lalín poderán coñecer parte de Galicia e gozar de actividades en familia. Souto agradeceu á Brilat de Pontevedra a cesión de liteiras que se situarán no pavillón lalinense onde se aloxarán os visitantes.

As actividades inclúen a asistencia a unha romaría a Catasós para poder vivir unha verbena galega e unha festa coas familias que colaboran ofrecendo as ceas algúns días aos mozos que terá lugar no centro social de Carragoso onde poderán cociñar. Ás visitas e actividades que terán lugar no municipio lalinense sumarase unha xornada destinada a coñecer as Rías Baixas con paradas en Pontevedra, Combarro e Sanxenxo entre outros lugares de interese.

Outra ten como destino Santiago de Compostela onde o grupo visitará o Parlamento de Galicia, a Cidade da Cultura e a catedral cunha especial e privilexiada visita guiada que Souto agradeceu especialmente á Diocese e que non foi doado conseguir dadas as datas en plena tempada alta estival. Outro día percorrerán a Ribeira Sacra onde visitarán unha adega, poderán saber máis da denominada viticultura heroica e gozar do parque acuático de Pereiro de Aguiar. Souto expresou o agradecemento do Concello de Lalín a Cirla, ás familias que van botar unha man e pedir a implicación dos mozos que foron acollidos nestes intercambios europeos e ás empresas colaboradoras: Gadisa, Pazo de Anzuxao, Embutidos Lalinense, Kalekoi, Mel De Liñares, Leyma, Huttopia, Culinaria e o GDR que colaboran no irmandamento. Do mesmo xeito que noutros, os participantes europeos só pagarán o desprazamento ata Lalín e o seu regreso. A delegación lalinense viaxará en autobús ata a capital dezana e o resto virá en avión.

Este ano o irmandamento vira sobre Aprender a valorizarse e como usar os recursos dixitais para plasmar o seu traballo, axudando tamén ao desenvolvemento da autoestima. Julio Varela fixo un chamamento ás familias que aínda queiran colaborar. As interesadas poden porse en contacto con Cirla. Dese grupo sairán os participantes no próximo intercambio que, en principio, terá como destino Francia o próximo ano.