Grazas, Amelia

Iván José Pereiro

LALÍN

05 may 2026 . Actualizado a las 21:14 h.

Co derradeiro día de abril de 2026, e tras soar as sinais horarias que nos situaban no mediodía, comezaba o derradeiro programa de radio local para Amelia Ferreiroa. O derradeiro despois de corenta anos, que se di pronto. É inevitable sentirnos un chisco orfos ao saber que a voz por excelencia da radio en Deza-Tabeirós xa non nos contará máis historias da nosa comarca. Atrás quedan moitos protagonistas da actualidade entrevistados, ningún menos ca outro, todos igual de importantes sen importar se o tema era máis ou menos relevante.

Grazas Amelia polo teu gran traballo dando a coñecer os proxectos que foron xurdindo ao longo de todas estas décadas. E non só proxectos políticos, que foron moitos, senón tamén todas as bandas de música, as asociacións culturais, as moi variadas festas dá comarca ou as organizacións de distinto carácter que foron aflorando ao longo do tempo.

Grazas pola túa cercanía, claridade e sinxeleza coa que nos contaches toda a actualidade, sempre dende un punto de vista obxectivo, riguroso e con respecto.

E grazas, por atender con cordialidade a estas persoas que te detemos pola rúa para perdirche que dés voz a unha problemática ou, simplemente, darche a noraboa polo teu labor. Foi un pracer estar ao outro lado do transistor como oíntes durante todos estes anos. Moita sorte na túa nova andaina, Amelia Ferreiroa.