Vítor García Piñeiro , coordinador do Congreso de Arqueoloxía de Deza (CAD) que se pechou onte en Lalín, e Vanesa Trevín de CADO, fixeron un balance positivo de segunda edición que apuntaban «segue medrando dunha forma sólida». García Piñeiro destacou que o encontro xa se está consolidando como unha referencia dentro do ámbito da arqueoloxía e do estudo do patrimonio en Galicia resaltando a ampla participación conseguida de investigadores, institucións e departamentos vinculados á investigación do patrimonio. Ambos agradeceron ao Concello de Lalín «a súa aposta decidida» por unha actividade que, sinalaron, «é xa unha referencia a nivel galegou». E iniciarase agora a preparación da publicación das actas deste novo congreso.
Os relatorios de onte centráronse na comarca de Deza. Abriu a xornada o arqueólogo Israel Picón que realizou unha aproximación ás mámoas de Platas en Refoxos e falou dunhas propostas que tiñan como obxectivo «correxir datos que estaban obsoletos» y dar a coñecer este patrimonio de Silleda xunto coa celebración dunhas xornadas que serviron tamén para defender o patrimonio natural e cultural «frente o lobby dos eólicos». Helena Taboada expuxo os resultados das intervencións realizadas en Outeiro Grande, na parroquia lalinense de Bermés e Erik Carlsson-Brandt falou do seu traballo sobre os asentamentos rurais romanos en Galicia, os seus tipos e características, aproveitando para analizar a vila de Porto de Arcos, en Rodeiro, da que se extraeron unha cantidade inxente de materiais repartidos en catro enclaves.
Vanesa Trevín debullou o resultado das investigacións realizadas en Castro Cumeiro, en Vila de Cruzamentos, tras a realización de dúas campañas de dúas semanas cada unha e o labor de divulgación realizada ao redor deste enclave. A tenente-alcalde, Paz Pérez, que reiterou o apoio do Concello de Lalín para próximas edicións, clausurou o congreso xunto con Trevín e García Piñeiro, que se pechou pola tarde cunha visita ao xacemento de San Adrao, en Bermés.