Demandan avaliar o efecto do tanque de tormentas en Lalín

j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Fernández alude a problemas derivados de temporais a pesar de esta infraestrutura

26 feb 2026 . Actualizado á 05:00 h.

O impacto do tanque de tormentas inaugurado en Lalín en decembro do 2024 tras os últimos temporais, con problemas que se reproducen a pesar desta infraestrutura, motivaron que o BNG demande ao goberno local unha explicación sobre o seu funcionamento. Unhas instalacións cun custo millonario para evitar o desbordamento da rede de depuración en épocas de choiva intensa que, para a formación nacionalista e tras o acontecido en Pozo do Boi ou o paseo do Pontiñas, non está a cumprir esa misión.

Desde o Bloque reclaman «un balance sincero e crítico ao respecto do funcionamento dunha infraestrutura que custou 7 millóns de euros; cun volume de retención de auga de 5.000 metros cúbicos e unha vertedura de alivio ao río Pontiñas, pero que no momento da verdade, cando houbo que facer fronte aos temporais e as alertas por choivas deste mes, provocaron os mesmos problemas que noutros concellos onde non hai tanque de tormentas». Incluso o goberno local, apunta a responsable local do BNG, Mari Fernández, recoñecía o desbordamento do río e o paseo Pontiñas ou Pozo do Boi resultaban «os primeiros anegados coa chegada en xaneiro das primeiras borrascas».

Fernández Sanmartín lamenta que Xunta e Concello «volveron a vendernos fume», cun investimento millonario que non resolveu o problema e que «segue coxa agardando pola EDAR e o bombeo do río Deza augas arriba da praia fluvial de Pozo do Boi, cun proxecto que data xa de outubro de 2020 e do que nada se sabe». Considera que en Lalín, coas últimas alertas, «lonxe de estar tranquilos cos supostos beneficios do tanque de tormentas, a veciñanza tivo que volver mirar con preocupación as enchentes e os seus efectos». Incide ademais en que segue sen saberse para que serviu o tanque de tormentas tras «o primeiro test sobre o terreo».

Desde o BNG lalinense chaman ao goberno local a «facer autocrítica, avaliar danos e demandar melloras e reparacións nas infraestruturas». Fernández Sanmartín cuestionou ademais que o rexedor estivese «desaparecido mentres medraban os enchentes arredor das nosas casas, negocios e zonas de ocio». E achacoulle que o único que fixo foi levar ovos a Santa Clara para que non chovese no Cocido.