Alertan en Lalín da subida na factura da auga por lecturas irregulares nos contadores

D. Cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

PACO RODRÍGUEZ

Vecinos detectaron que a revisión dos medidores non se realizan cada tres meses, senón en períodos desiguais

21 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O aumento na factura do servizo municipal de auga provocou que un veciño de Lalín detectase un problema que estaría a provocar a cobranza de importes máis altos do habitual nas facturas, sen que iso se deba a un maior consumo nos fogares. Segundo indica este particular, non se trata dun caso illado, senón que afecta a varios usuarios que trasladaron a súa queixa á compaña encargada da xestión.

Tal e como detalla o damnificado, a análise de distintos recibos mostra que as lecturas dos contadores non se realizan sempre cada tres meses, senón en períodos desiguais. «Nalgúns casos factúranse dous meses nun recibo e, no seguinte, acumúlanse tras case catro meses de consumo», explica.

Unha circunstancia que ten un impacto directo no importe final, posto que as tarifas de auga aplícanse por bloques e ao superar os 30 metros cúbicos, o prezo increméntase de forma evidente. «Ao concentrarse varios meses nunha soa factura, o consumo aparece artificialmente inflado e o custo final aumenta, aínda que o gasto real de auga sexa o mesmo de sempre», apunta.

O afectado asegura que máis usuarios do servizo atópanse na mesma situación, polo que recomenda aos veciños revisar «con atención» as súas facturas, especialmente cando o importe resulte anormalmente elevado. «Dada a natureza deste problema, considérase importante que a veciñanza de Lalín estea informada e revise as súas facturas con detalle, xa que a lectura realizada fóra dos períodos habituais pode provocar un sobrecuste económico evitable nun servizo básico como é a auga», explica.

Consellos

Á hora de revisar o recibo, os usuarios deben comprobar as datas de lectura do contador, non só a de emisión da factura, coñecendo o tempo real que se está facturando entre unha lectura e a seguinte. Así mesmo, é importante observar se existe un salto de consumo sen motivo aparente e se supera os 30 metros cúbicos. «É moi probable que o problema estea na irregularidade das lecturas, e non nun maior consumo», reitera.