Benedicta García, profesora no IES Antón Losada, celebra a súa xubilación tras máis de tres décadas no centro estradense
13 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.A comunidade educativa do IES Antón Losada Diéguez homenaxeou o pasado xoves a Benedicta García (Cacheiras, 1960), profesora de Administración e Finanzas, que se xubila despois de 36 anos dando clases no ciclo de Formación Profesional do centro estradense. Fala con La Voz ao día seguinte da súa despedida, aínda desconcertada e dando un paseo para aclarar as ideas e enfrontarse a unha nova etapa.
«O primeiro que sinto é unha especie de desconcerto. Dediqueille toda a vida á docencia, a partir de agora terei que ir plantexando cousas, sempre hai algo interesante que facer», comenta. «Estou un pouco atafegada polo cariño e ou apoio de todos», recoñece Benedicta, que pretendía pasar desapercibida no seu último día en activo como profesora.
«Non pensei que ninguén lle ía dar maior importancia, tomeino como un día normal, asumín que chegaba o momento, que cumpría os anos e volvía para a casa, punto. Non contaba con nada especial, porque non era un día especial, senón un día máis na vida», explica. En calquera caso, mostrouse conmovida polas mostras de afecto.
«Sentinme arroupada e moi emocionada, aínda non o asimilei. Estou moi agradecida con todos: alumnado, compañeiros e dirección. Sempre me sentín acollida e apreciada, pódese dicir que nalgunhas ocasións valorada, e intentei facer o meu traballo o mellor que puiden», asegura Benedicta, que botará de menos aos seus estudantes. «Con este alumnado estás moitas horas e acaban sendo parte do teu día a día. Comentámolo entre nós, estamos máis tempo xuntos que coa familia, e iso marca», sostén.
43 anos de docencia
Benedicta aprobou as oposicións en 1982, tendo como primeiro destino Tui. A súa carreira como profesora de Formación Profesional levou despois ao Laxeiro de Lalín, onde estivo seis anos. Finalmente, no 89, tocoulle a quenda ao Antón Losada. «Dende que entrei non pensei en cambiar, o ambiente era bo, excelente no departamento, e o alumnado magnífico. Prefería facer quilómetros que outra cousa», apunta. O seu desexo é que as novas xeracións logren que «o instituto siga sendo referente».