Xa o di o refrán: a quen madruga, Deus axúdalle. Unha máxima que seguiron multitude de veciños os que nin a choiva intensa nin o mal tempo impediron estes días empezar a facer cola de madrugada á porta do consistorio lalinense. Foron horas de espera para conseguir praza nos destinos máis buscados das viaxes do Imserso. Se noutros sitios, as tramitacións realízanse nas axencias de viaxe, en Lalín o Concello é un dos que atende este tipo de xestións.
Onte as prazas ofertadas, apuntaron no consistorio, tiñan como destino Roquetas do Mar e Barcelona e hoxe, o último día, recibirán en Servizos Sociais, aos que busquen viaxar a Tenerife e Mallorca, dous dos lugares máis buscados, xunto con Palencia e Barcelona.
Ás 8.00 os empregados municipais atopáronse cunha longa cola. Un encargado do veciño Café de Ame, que reside preto xa observou xente agardando ás 2.00 horas e no consistorio falaban das 4.00 horas. No café, a afluencia masiva deu pé a un cheo total de clientela que acudía sobre todo en pequenos grupos, despois de pedir praza para ir xuntos a un mesmo destino, para repor forzas cun café.