Hai poucos días quen lles escribe propuxo, en nome do seu grupo político no Concello, que a chamada Rúa B de Lalín se valorase para ser denominada como Rúa Castelao, en homenaxe ao pai da Patria Galega.
Dirán algúns de vostedes que hai temas máis importantes que tratar, e que perdemos o tempo en cuestións que a ninguén lle importa... disque. Non concordo. Nunha sesión plenaria na que se fala das axudas ao sector rural da PAC, dos graves problemas da seca, da ausencia de especialistas no CIS e da humanización da rúa B, pretender consensuar un nome de prestixio para a zona con máis densidade de poboación do casco urbano, é un complemento case perfecto.
Este ano en Galicia celébrase o Ano Castelao, con diferentes actos por toda a nosa bendita terra. Lalín non pode quedar á marxe do recoñecemento a unha figura histórica e de consenso, que une diferentes sensibilidades do pobo galego, e que transcende á súa produción literaria, como debuxante, e incluso coma representante público, tamén no exilio. Dicía Xosé Cuíña nos anos 90, que se Castelao vivise no presente, probablemente votase ao PPdeG. Ben... teño dúbidas razoables sobre esta afirmación, aínda que non sería eu de levar a contraria a un home da sabedoría do meu pai, mais si que comparto o espírito de que sería unha figura fundamental de unión da nosa sociedade.
Tanto o PP de Lalín, como o BNG (que xa fixo a proposta no seu momento), como o PSdeG, manifestaron a receptividade sobre esta cuestión á nosa proposta no Pleno, que en pura lóxica debe ser máis ampla alcanzando un acordo político para nomear a outras rúas. Do consenso debe partir esta solución.
No ano 2006 xa se propuxo cambiar a actual rúa Castelao para a Rúa D, que finalmente a Comisión do Rueiro decidiu no meu mandato dedicarlla á man dereita de Don Ramón Aller, chamada Antonia Ferrín Moreiras. A nosa proposta é que a rúa B deixe de ter ese ridículo nome aínda no 2025, e que ademais de humanizala, ensanchar as beirarrúas, poñer plataforma única e mellorar a luminosidade, pase a chamarse co nome do Pai da Patria galega.
Non é o enésimo «brinde ao sol» por parte de políticos que viven na ocorrencia permanente, senón a demostración de que os pobos que queren ter personalidade marcada, ser fillos do seu tempo, e mirar decididamente cara ao futuro, deben poñer no seu lugar a ilustres aos que tanto debemos, e sen os cales non sería entendible a nosa sociedade actual. Ou non?.