Hai inseguridade en Lalín?

Rafael Cuíña

LALÍN

16 jul 2025 . Actualizado a las 21:46 h.

Como unha chuvia suave desas que hai en Escocia, e que acotío caen de canto, comeza a existir na nosa Vila un movemento soterrado que vai de boca en boca, e de rede social a indocumentado, que está a crear un perigoso caldo de cultivo contra o colectivo de inmigrantes.

Auténticos despropósitos lense sobre unha situación provocada por uns poucos, que aproveitan os habituais alto voceiros do «día do xuízo final», para ir mandando mensaxes perniciosas contra quen non o merece. En Lalín máis alá de intolerables episodios puntuais, os inmigrantes de distinta procedencia tratan de integrarse na nosa sociedade, mais é certo que algúns non o fan. Non veñen a quitarlle o traballo a ninguén, senón que de facto asumen aqueles que os de aquí non queren. No tecido industrial de Lalín, e en sectores como a hostalaría, hai permanentes queixas sobre a falla de persoal para cubrir as necesidade de produción. Nos ciclos económicos está máis que estudado... esas necesidades, aquí ou na Arxentina no seu momento, cóbrense coa inmigración.

É ben certo que hai comportamentos intolerables de persoas que veñen de fóra, e que deben ser cortados de raíz por parte das autoridades competentes, mais tamén o é que os datos son incontestables, e din claramente que a inmensa maior parte de persoas que por desgraza delinquen... son nados aquí...

Eu non quero para Lalín unha sociedade que mire de esguello a outros pola súa procedencia. Tódalas familias lalinenses teñen algún familiar que tivo que emigrar no seu momento para poder alimentar á súa familia. En ocasións legalmente, e outras chegando como podían a lugares que pasaban en anos de ser unha terra descoñecida, a unha de acollida.

Non quero que ningún pense que caio no «buenismo», nin que branqueo o que está a pasar. É un simpre exercicio de responsabilidade coma cargo público, que ademais coñece de boa fonte que as forzas de seguridade do Estado están a facer o seu traballo con discreción, e con acerto. Ninguén queremos para Lalín unha situación como a de Torre Pacheco calquera día, mais hai que esixir á Subdelegación do Goberno que poña os medios necesarios para que non salte unha chispa accidental, que tan ben soen aproveitar os reaccionarios.

Lalín, pobo de emigrantes e sociedade tradicionalmente tolerante coa xente de ben. E así debera seguir por moitos anos.

Ou non?.