Co ecuador da lexislatura pasada, e un posible debate sobre a situación do Concello de Lalín, solicitado por Compromiso por Lalín (CxL) co visto bo de todas as formacións políticas, que podería relegarse ata setembro, con anterioridade o goberno local podería comezar a traballar sobre o orzamento para o exercicio 2026 ao que a formación que lidera Rafael Cuíña fará fincapé en dúas cuestións: chan industrial e taxas, según avanzou onte en Radio Voz. «A finais de agosto hai tradición de comezar a preparar o orzamento, e no pleno de setembro u outubro levaremos a petición de que se volva a unhas taxas impositivas do mínimo legal. Os niveis impositivos actuais son intolerables, xa o dixen». O xefe da oposición lalinense pediulle coherencia ao PP, «e o que está pedindo no conxunto do Estado e nos concellos nos que goberna, que é rebaixar a taxa ao mínimo legal que o faga tamén en Lalín, xa que a actuación aquí é contradictoria. O que di Feijoo en todo o territorio español tamén debe aplicarse en Lalín». Compromiso levará despois do verán ao pleno do concello dita petición «a un orzamento que ten que preparar o goberno para o ano 2026».
Outra das preocupacións do coordinador de Compromiso por Lalín, e sobre a que prometeu seguir incidindo, e na falta de chan industrial que padece o municipio. Un asunto que comparou cunha montaña rusa; «tan pronto están falando do tema como está abaixo e se perde polas ondas hertzianas». Cuíña non aprecia avances substanciais na ampliación do Polígono 2000 nin nas zonas de aceleración, anunciadas desde a Xunta. «Insisto en que se están perdendo importantes postos de traballo e posibilidades empresariais por falta de chan industrial, e tampouco vexo avance no que dixo a conselleira de ter zonas aceleradas para que se poidan tramitar e sexan polígonos industriais. Son cuestións que deberían ser de prioridade para o goberno», reflexionou Cuíña.