Despois de 10 anos

Rafael Cuíña

LALÍN

28 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantaba o artista arxentino Andrés Calamaro, antes de transformarse nun reaccionario intranscendente, que «Si diez años después, te vuelvo a encontrar en algún lugar, no te olvides que soy distinto de aquel, pero casi igual».

Así é, pasaron dez anos daquela mítica noite de cambio de goberno en Lalín, na que observei tanta ilusión, que sabía que o reto por diante era enorme. Seguramente eu non son o de hai dez anos... mais case igual... teño a alma tranquila, e algúns rancores do pasado foron esquecidos, mergullados na necesaria racionalidade de saber que todo é relativo, ata a afronta máis grande.

Non podo negar que a miña formación política en Lalín foi un reto persoal que partía dende o convencemento de que era necesario «aire fresco» no Concello, e unha viraxe cara liberdades que eu entendía que non existían naquel momento no que detestaba aquilo tan lalinense como «os nosos e outros». Un grupo de persoas que co tempo fixémonos amigos persoais iniciaron unha aventura titánica con éxito final, mais que eu sabía que non me sairía de balde, por coñecer ben que nalgúns pantanos se te mergullas, vai ser complicado que non saias con moito barro.

Sempre estarei agradecido a PSOE, Apac e posteriormente ao BNG, por entender que so desde a xenerosidade, e deixando ao marxe personalismos de xente que pouco nos coñeciamos entre nós, sería posible. Hoxe por hoxe moitos somos aínda amigos persoais, cuestión tan complicada na política.

Sempre lembrarei unha reunión con Nicolás González no despacho da Alcaldía, na que me preguntou «por onde comezamos?», cando queriamos facer o primeiro orzamento para as veciñas e veciños. Contesteille que por incrementar as partidas para os servizos sociais, «e despois todo o demais». Queriamos ser un goberno social, preocupado por quen máis necesitaba, con forte aposta polo deporte con vehículo de formación para a mocidade, e unha pequena revolución cultural, baseada na modernidade, deixando atrás tempos inmobilistas necesariamente superables.

Observando coa perspectiva do tempo, foi duro, moi duro, mais unha honra ter servido a Lalín. A miña conciencia non me deixa pasar facturas que algúns aínda me piden que faga, e que bote en cara algunhas manobras que buscaron máis destruírme como persoa, que o mellor para Lalín. Iso xa pasou.

Grazas eternas a Medela, A Piki, a Tere, a Ana, a Santi, a Katia, ao meu querido Tomás Vilariño, mais tamén a Nico, a Hermida, a Celia, a María Xesús, a Tobi, a Xosé Manuel, a Paco Vilariño, e a ese ser marabilloso que é a miña amiga Lara.

Non foi posible a continuidade, seguramente porque dende veleiros sen motor, é difícil competir contra transatlánticos con demasiados intereses nos seus camarotes, e como non, tamén recoñecendo os erros propios, comezando polos meus.

Graciñas por todo, veciñas e veciños. Veremos que depara o futuro.