
Alumnado e docentes dos centros educativos sumáronse á celebración
17 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Lalín viviu onte a primeira edición dunha carreira pola lingua e para festexar o Día das Letras Galegas. Unha iniciativa coordinada polo instituto Ramón María Aller na que participaron de forma masiva alumnos e docentes dos centros educativos da vila. Bautizada como CorreLalín, o éxito desta actividade de carácter lúdico e deportivo, ademais de promover o uso do galego, augura que teña continuidade nos próximos anos.
Arredor de seiscentos alumnos desde os tres anos ata Bacharelato dos centros Manuel Rivero, Xesús Golmar, Vilatuxe, Donramiro, Laxeiro e Aller Ulloa tomaron parte nas carreiras. Houbo varias por cursos e idades, xunto con entrega de premios. Tamén os recibiron os gañadores nos concursos de manifestos a prol do galego. En concreto tiveron trofeos os primeiros clasificados en cada categoría, tanto masculina como feminina, mentres os segundos e terceiros recibiron medallas.
Durante esta xornada reivindicativa e tamén festiva e deportiva na capital de Deza houbo xogos populares e tradicionais abertos a todos os interesados. Respecto aos manifestos, en Primaria estiveron a cargo de Maia, Noé, Aldara, Brais e Ander do CEIP de Vilatuxe. No primeiro ciclo de ESO do Aller, con Anxo Dobarro, César Fernández, Brais Fondevila, Brais García e Anxo López; no segundo ciclo de ESO, do Laxeiro, a cargo de Noé Senande, Sabela Méndez e Sergio Pereiro; e en Bacharelato, do Aller Ulloa, con Ánxela de la Fuente e Xiana Pereira.
Noutras localidades e centros educativos tamén festexaron as Letras, como ocorría no CEIP de Agolada. Non faltaron as cantareiras nin coplas colgadas duna corda xunto ao patio. Tamén vídeos feitos polos rapaces.
Principais citas para hoxe na comarca dezá
Na comarca dezá destacan hoxe tres citas coa música e o baile tradicional de protagonistas, xunto a un xantar popular ao aire libre no caso de Silleda.
Lalín
Serán das Letras. A Praza da Igrexa acollerá ás 18.00 horas esta celebración para exaltar a lingua e o papel das cantareiras. Dez agrupacións de música tradicional se xuntarán nesta ocasión para tocar, cantar e bailar. Haberá tamén unha mostra de traxes tradicionais e unha homenaxe final ás Pandeireteiras de Zobra, en recoñecemento pola súa traxectoria, clave para a pervivencia dun legado identitario. Participarán Carballo da Manteiga, A Carballeira de Cercio, Ailola, Pandeireteiras Ponte da Prata, Os Dezas de Moneixas, Radela, Repenicando, Pandeireteiras de Zobra, Pandeireteiras de Bendoiro e Roseira Brava.
Silleda
Edición especial de Xonga. A asociación cultural Xirandola coordina esta celebración na Carballeira das Pedrosas, onde reunirán ás principais asociacións culturais do municipio de Trasdeza e arredores. O programa inclúe un vermú musical, un xantar popular ao aire libre e unha foliada aberta a músicos, cantareiras, bailadores e público en xeral. Tamén haberá xogos tradicionais e actividades culturais.
Vila de Cruces
Unha festa que coincide co San Cidre. O Concello entregou aos comercios bolsas conmemorativas das Letras, así como manteis individuais para os establecementos de hostalería. Animan a festexar o día nun ano en que coincide co San Cidre e o festival folclórico promovido ás 18.30 pola asociación Punteirolo, coa participación de dous grupos locais e Almirez, de Guadalajara.