
Unha diferenza de 0,11 euros menos en gasóleo e dun 0,15 na gasolina
17 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.Estes días, sobre todo a partir de hoxe aproveitando o que é unha ponte festiva para moitos, o número de desprazamentos multiplícase. Pese ao mal tempo nunha primavera que non acaba de asentarse, as viaxes abundan e encher o depósito é un pouco máis barato do que resultaba facelo na Semana Santa do ano anterior. Iso si, as datas varían, porque en 2024 celebrabamos a Semana Santa a finais do mes de marzo.
O prezo do gasóleo A habitual máis barato na provincia de Pontevedra, segundo os datos recolleitos no Geoportal de Hidrocarburos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, vendíase onte na estación de servizo de Veigadaña en Peinador a un prezo de 1,246 euros o litro. Unha cifra un pouco superior ao mellor prezo de Deza e Tabeirós-Terra de montes, onde a primeira da lista ocupa o posto número 13 do ránking e está na Estrada. É a gasolineira SBC cun prezo en litro de 1,269. Séguelle a de Siador, en Silleda, a 1,279.
Na Semana Santa do pasado ano, o prezo máis económico da zona tíñao tamén a gasolineira SBC da Estrada e estaba a 1,379 euros o litro. 0,11 euros menos.
A seguinte, xa no posto 32 provincial, é a de Campodeza en Gresande a 1,309 e a Coafor de Forcarei a 1,319. Ao mesmo prezo estaba na gasolineira Aira de Silleda e na de Ou Rodo en Rodeiro. Un pouco máis caro estaba o litro nas estacións de servizo de Cobideza en Cercio e en Silleda, onde se rexistraba o prezo do litro a 1,329. Na de Staroil do polígono Lalín 2000 subía xa a 1,369 e a 1,399 na de Valcarce en Rodeiro.
Nos 1,433 euros o litro situábase na estación de servizo de Camanzo en Vila de Cruzamentos e en 1,439 na de Carrefour en Lalín. Séguenlle as de Gal na Estrada, Repsol tamén na Estrada, Petronor en Dozón, Galp en Lalín, e Repsol en Agolada, a 1,449 euros o litro. A 1,459 estaba nas de Repsol de Cerdedo., Lalín e BP da Estrada; a 1,469 na de Repsol de Lalín e a Cepsa en Vilatuxe e a 1,499 na de Bandeira e a de Repsol de Silleda.
Aforro
En canto á gasolina de 95 E5, os prezos máis baixos da provincia de Pontevedra rexistrábanos onte as gasolineiras de Plenergy e Petroprix do Porriño a un prezo de 1,339 euros o litro. A máis barata da zona volvía ser, do mesmo xeito que hai un ano a da Estrada SBC. Onte o prezo do litro era de 1,379, o mesmo prezo que tiña a de Siador, en Silleda. Hai un ano, en Semana Santa, a gasolineira estradense rexistraba un prezo máis elevado neste tipo de combustible situándose en 1,489 euros o litro. É dicir, 0,15 euros máis cara que este ano.
A estradense ocupa este ano o posto número 23 do ránking provincial e a de Siador o 25. Séguelle, no posto 27, a de Campodeza en Gresande cun prezo de 1,389 euros o litro de gasolina. Para atopar a seguinte hai que baixar ata o número 47 da lista provincial, onde se atopa a de Aura de Silleda cun prezo de 1,409 euros o litro. Séguenlle no 50, a de Ou Rodo en Rodeiro, a 1,459 e a de Camanzo de Vila de Cruzamentos, a 1,475.
A un prezo de 1,479 euros o litro deste tipo de combustible podíase atopar onte nas gasolineiras de Staroil de Lalín, Galp en Silleda e Carrefour en Lalín. Na de Galp de Lalín estaba a 1,489 e na de Galp da Estrada a 1,499. O mesmo prezo que na de Rodeiro de Valcarce, a de Bandeira, as de Repsol de Silleda, A Estrada, Agolada, Cerdedo e Lalín e a de Petronor en Dozón. O mesmo prezo rexistrábase nas de BP da Estrada e na de Cepsa de Vilatuxe, en Lalín. A que ofrecía este tipo de combustible a un maior prezo de todas as da provincia era, segundo os datos recolleitos polo ministerio no Geoportal, a de Repsol de Sanxenxo onde o prezo do litro se situaba en 1,609 euros.
O ano pasado, o prezo do combustible era tamén menor que no mesmo período de 2023, aínda que si custaba algo máis que a principios do 2024 xa que en xaneiro dese ano era maior tras ultímalas subidas.
Este ano encher o depósito, nestes festivos de vacacións e desprazamentos, custará de novo menor, o que supón un aforro para o peto. Por iso é polo que o que máis e o que menos se afane en buscar os mellores prezos á hora de encher e poder aforrarse uns euros.
O prezo do gasóleo Premium máis barato estaba en Vigo nas gasolineiras de Alcampo e Ballenoil a 1,269 e na zona, o máis barato para a gasolina 98 E5 atopábase na estación de servizo de Galp en Silleda a un prezo de 1,599 euros o litro de combustible.