Susto con final feliz para un grupo de peregrinos canadenses en Lalín

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

VÍTOR MEJUTO

13 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Coa chegada da primavera, ademais das flores, brotan tamén os peregrinos que cruzan Deza para acadar Compostela. Como tantos outros, un grupo de camiñantes canadenses acudiron a Lalín para facer noite e proseguir a ruta ao día seguinte, con todo, un problema coa súa reserva de aloxamento fíxolles temerse o peor: unha estafa.

Acompañados por unha veciña de Lalín que fixo de intérprete, primeiro acudiron ao Concello para comprobar se realmente existía a estancia que reservara. Ao non coincidir con ningún, decidiron acudir ao cuartel da Garda Civil para interpor unha denuncia ante o que parecía unha estafa.

Con todo, unha vez alí comprobaron que todo se debía a un erro telefónico, podendo descansar por fin no seu aloxamento da capital dezana.

Auxilio municipal

Ante a posibilidade de que fosen estafados e o consecuente dano á reputación de Lalín como hospedaxe para os peregrinos que fan o Camiño de Santiago, o alcalde, José Crespo, acudiu ao cuartel para brindar a axuda necesaria aos visitantes, incluso expondo a opción de ofrecerlles aloxamento sen custo nalgún negocio do centro urbano.

Afortunadamente todo quedou nun susto, pero o despregamento do Concello para socorrelos e a axuda desinteresada dunha lalinense acabou deixando neste grupo de peregrinos canadenses un grato recordo do seu paso por Lalín, mostrando o seu agradecemento polo trato recibido.