Souto tacha de discriminación a supresión de paradas de bus de liñas estatais

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

10 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O portavoz do goberno local de Lalín, Avelino Souto, acusou onte ao PSOE de discriminar ao municipio e á comarca de Deza coa supresión das paradas de buses de liñas estatais. Lamenta que desaparezan as de Lalín e Silleda, pero tamén outras do centro de Galicia, en concreto en Chantada, Arzúa, Palas de Rei, Melide, Monterroso e Forcarei.

«Para o PSOE semella que os que vivimos no centro de Galicia non temos dereito a ter unha comunicación directa con Madrid», dixo. A Souto chámalle a atención que si se manteñan noutros concellos con menos poboación que Lalín, citando entre eles a Betanzos, Xermade, Vilalba, Ribadeo, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos ou Verín. «Temos que presenciar de xeito reiterado como ao Goberno socialista se lle enche a boca vendendo que non discrimina á xente que máis o necesita, pero é mentira», lamentou. Agora os lalinenses terán que ir a Ourense se queren ir a Madrid «dun xeito económico en bus».

Souto defendeu que Lalín non pasa «a ser de segundo» polo esforzo de Xunta e Deputación. Anima aos socialistas lalinenses a trasladar aos seus superiores «a discriminación que está a sufrir Lalín» e apunta que «poderían polo menos compensarnos facendo a apeadoiro do AVE en Botos», sumando outras demandas pendentes como a circunvalación, a autovía Pontevedra-Lugo ou a oficina da Axencia Tributaria.