O BNG denuncia a espera dun lalinense por unha ambulancia

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

19 abr 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O BNG de Lalín denuncia a espera, o pasado martes, de máis dunha hora por unha ambulancia sufrida, din, por un veciño dunha parroquia do municipio. Explican que os familiares dun home de 62 anos avisaron aos servizos de emerxencia do desmaio e o forte golpe na cabeza pola caída desa persoa ás 16.00 horas. Sinalan que pola mañá o home fora atendido no centro de saúde nunha cita por urxencia derivada dun proceso respiratorio Sinalan que chamaron media hora despois pola tardanza da ambulancia e o estado do afectado que «agardou 50 minutos tirado no chan da vivenda ata que dous familiares conseguiron erguelo». Informáronlles que a ambulancia estaba a 20 minutos e que esta chegou pasadas as 17.00 horas, trasladando ao paciente ao CHUS.

O BNG reclama de novo a ambulancia anunciada, neste caso, unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado de Enfermería que, segundo o 061 atópase nestes momentos en proceso de adxudicación, prestará servizo nos próximos meses e que se sumará ás existentes na Coruña, Vigo, Santiago e Pontevedra. Os nacionalistas consideran que este tipo de ambulancia «é un parche» e insisten na reclamación dunha medicalizada alegando que Lalín é cabeceira dunha comarca que chega aos 40.000 habitantes cunha superficie de mil quilómetros cadrados. Alegan que a dotación e equipamento dunha ambulancia medicalizada permitiría prestar asistencia in situ a pacientes críticos no mellor tempo posible, contando cun médico con formación en urxencias, un diplomado en Enfermería, un condutor técnico e un axudante técnico prestando atención 24 horas todo o ano.

O 061 sinala que todas as ambulancias de SVA, sexan medicalizadas ou de enfermería, contan con equipamento e dotación para prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado. E lembran que a asistencia sanitaria realizada polo 061 está supervisada en todo momento desde a Central de Coordinación por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.