A neve, protagonista inesperada da Semana Santa nas comarcas

d. cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Agárdase que caian máis copos esta madrugada e o Xoves Santo

27 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Lembran o bo tempo da semana pasada, con temperaturas superiores aos 20 graos, podíase ir en manga curta pola rúa e gozar dun bo aperitivo nas terrazas? Pois iso é xa historia. Agora non sobra o abrigo e o paraugas é un apéndice máis do noso corpo. Ata o punto de que despois dun domingo asollado, o luns pola noite a neve fixo acto de presenza na zona. E non só uns poucos copos, en zonas montañosas como a Serra do Candán a xornada amenceu cun manto branco que sorprendeu aos veciños.

En Lalín, Forcarei, Rodeiro, Silleda ou Cerdedo a neve foi protagonista durante a madrugada e de forma máis puntual durante a mañá do martes. As redes sociais enchéronse de vídeos e fotos da inesperada nevada. Os modelos de predición meteorolóxica sinalaban nos días previos unha probabilidade baixa de neve, pero a cota foi baixando dos 1.000 aos 500 metros, polo que practicamente afectou a todo Deza e Tabeirós.

Frío e choiva

Este frío primaveral non se irá tan rápido. As baixas temperaturas seguirán en liza durante todo o mércores, cunha caída significativa de madrugada. A partir das 22.00 horas agárdanse pequenas nevadas en puntos de Lalín, Rodeiro, Agolada, Silleda, Forcarei, Rodeiro e Dozón. Só Vila de Cruces e A Estrada escaparían da neve.

Na capital dezana a probabilidade de neve pasará do 10 % nas horas centrais, ata o 70 % a partir das sete da tarde. Segundo informa a Aemet, a sensación térmica esta noite roldará os 3 graos baixo cero. Para o Xoves Santo agárdase que caian algúns copos á primeira hora da mañá, con temperaturas que oscilarán entre os 2 e 10 graos. O Venres Santo en Lalín será algo menos fresco, do mesmo xeito que o sábado, aínda que o abrigo seguirá sendo imprescindible.

A previsión é común á do resto de municipios de Deza e Forcarei. Na Terra de Montes a probabilidade de neve é mesmo maior, do 80 %. Onde menos frío agardan é na Estrada, alí o mercurio moverase esta semana Santa entre os 4 de mínima e os 14 de máxima.

O que resta de semana será pasada por auga, todos os días e en gran cantidade. Ata o punto de que hai aviso amarelo por choiva no interior de Pontevedra, onde prevén unha precipitación acumulada de 40 mm en 12 horas.