Detectan a vertedura de máis sacos de conservantes, esta vez en Silleda

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

En Lalín son xa 72 os atopados en distintas parroquias do noroeste municipal, aos que se suman outros máis recolleitos na silledense de Laro

21 mar 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O equipo do Seprona da Garda Civil de Lalín continúa investigando para dar co autor ou autores dunha vertedura masiva de sacos de 25 quilos de Natriumpyrosulfit, que conteñen metasulfito sódico de uso alimentario utilizado como conservante na industria alimentaria. En Lalín aos 50 sacos atopados a pasada semana en distintos colectores das parroquias de Botos, Santiso e Vilatuxe sumáronse algúns máis noutros lugares do noroeste do municipio.

Foron atopados en colectores que se recolleron estes días, nalgún caso o luns, co que a conta final elévase xa a 72 sacos de 25 quilogramos cada un. A vertedura foi realizado de forma metódica e dun xeito similar e en cada colector apareceron nove ou doez sacos, nin un máis nin un menos. En total en Lalín retiráronse xa 1.800 quilos desta substancia. O luns os que apareceron fixérono en Filgueiroa, na parroquia de Donramiro, onde se localizaron os últimos.

Crese que aínda que estes se atoparon despois, todos foron tirados na mesma data. A esta vertedura xa importante súmanse algúns sacos detectados tamén polo servizo de recollida de lixo no veciño municipio de Silleda. Neste caso localizáronse na parroquia de Laro.

O gran peso dos sacos foi o que facilitou que os operarios se decatasen do contido dos colectores que sumaron ao lixo depositado entre 225 a 250 quilos de máis, algo que non pasa moi desapercibido. No entanto, podería haberse dado o caso que nalgún sitio, ningún destes envases, puidese acabar chegando á planta de xestión de residuos de Sogama, especialmente se ningún destas verteduras foi realizado dunha forma máis camuflada.

A gran cantidade de conservante atopada xa polo momento, fai pensar que procede dalgunha industria. Non se descarta que sexa de fóra da zona e que viñesen ata Lalín e Silleda para despistar. No caso de Lalín, os que deixaron os sacos nos colectores, realizaron unha ruta pola mesma zona do municipio, que é tamén xunto co da Estrada, un dos máis extensos de Galicia. O percorrido abarcou as parroquias de Santiso e Botos chegando ata Vilatuxe e agora, estendéndose, de momento, ata Laro.

En Silleda, o achado ía ser posto en coñecemento da Garda Civil para sumalo á investigación. O Seprona traballa para dar coa procedencia desta cantidade inxente de sacos de conservantes que encheron os colectores dunha ampla zona xeográfica.

Os diferentes días de recollida do lixo ao longo da semana nas zonas do rural contribuíron a facer que o achado non se producise de golpe. De aí, que aínda puidesen aparecer máis noutros lugares tanto da comarca como de fóra dela.

Entre 40 e 50 euros, o prezo dun envase de 25 quilos polo miúdo

Se un busca na internet este tipo de substancias, atópanse envases de diferentes tamaños. Entre eles sacos de 25 quilos de diferentes marcas, incluída a dos sacos que foron atopados en distintos colectores de diversas parroquias de Lalín. Polo miúdo, os prezos varían entre, aproximadamente, os 40 e os 50 euros por un envase de 25 quilos.

Aínda que a adquisición por xunto deste tipo de produto seguramente poderá supor un custo inferior, non deixa de ser unha cantidade importante o prezo desta cantidade de conservante, se estivese en bo uso. Neste caso, suponse que se se desfixeron deles será porque o produto está caducado ou non se pode utilizar. Xa só os 72 sacos recolleitos en Lalín, sen contar os atopados en Silleda, poderían supor no seu momento un investimento de 2.880 euros no caso de que fosen comprados a 40 euros a unidade.

Desfacerse deles nun xestor autorizado tamén implica un custo, algo que igual se quixo evitar coa repartición dos sacos por diferentes lugares e colectores ao longo de zonas de Lalín, e de momento, algunha do veciño municipio de Silleda.

Unha substancia utilizada na industria alimentaria, desde o pan ao viño

O metabisulfito de sodio é un composto químico inorgánico que se descompón a unha temperatura de 150 °C. Exposto ao aire e á humidade se oxida lentamente. Na industria alimenticia utilízase como conservador en alimentos xa que inhibe o crecemento de fungos e bacterias, ademais de empregarse como antioxidante. É habitual o seu uso como conservante do viño, pero tamén no pan e noutros produtos. Ten a aparencia de po branco, lixeiramente amarelo e con cheiro a xofre.

Nos sacos que se atoparon na zona, ao parecer, o contido atopábase endurecido case coma se fose cemento. E aínda que algún técnico explicaba onte que é case como o sal e ten unha duración moi longa, quizais por unha mala conservación ou por outras causas, entre as que pode estar que os sacos tivesen moito tempo, o contido estivese caducado.