Adeus ao comendador máis balompédico do cocido de Lalín

j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Amancio Amaro mantivo contactos durante anos con Deza

22 feb 2023 . Actualizado á 05:00 h.

En Deza, tamén na Estrada, seguro que máis dun veciño de certa idade lembraba onte a presenza de Amancio Amaro (A Coruña, 1939), quen fose xogador de fútbol e presidente de honra do Real Madrid, falecido aos 83 anos. Desde Agolada, Manuel Busto lembraba en redes sociais a súa visita no verán de 1970 acompañando a uns amigos, directivos da empresa que por entón construía o colexio. Comía na casa Trabancas xunto ao entón alcalde, Luís Yebra, mostrando a súa afabilidade nos paseos que deu polas rúas agolenses ao saudar aos veciños que lle coñecía, xa que por aquelas datas era un personaxe moi popular e algo inaudito a visita a unha localidade pequena como Agolada.

Pero a presenza de Amancio Amaro ten outras datas marcadas no calendario, das que podemos apuntar algunhas grazas ás hemerotecas. Por exemplo, en 1997 o mítico exxogador asistiu á cea-baile que organizaba a Pena Madridista da Estrada no agora desaparecido hotel Milano. Tamén estivo, dous anos despois, en Lalín nun partido benéfico que mediu aos veteranos do Real Madrid cunha selección galega. Xunto a Alfredo Di Stéfano e o entón alcalde, Xosé Cuíña, encargouse de realizar o saque de honra. Un encontro onde brillou Michel nas filas merengues, autor dos dous goles, que permitiu recadar 600.000 das antigas pesetas para doar a Cáritas.

Amancio Amaro figura ademais na confraría dos comendadores do Cocido, á que se incorporaba no 2001. Unha edición da Encomenda onde se sumaron dezaoito defensores do prato de Lalín, entre eles o ex futbolista. Por aquel entón o rexedor, José Crespo, aseguraba que era un dos seus ídolos de mocidade. Non faltou noutras citas gastronómicas, como no Cocido Solidario do 2003 para axudar a paliar os danos causados polo Prestige, celebrado en Madrid, ou na presentación da feira do 2009 nesa mesma cidade, que pregoou Carlos Alsina.

Outra visita lembrada de Amancio Amaro á capital dezana producíase no 2014, cando exerceu de padriño na entrega dos premios Galicia á xestión deportiva. O alcalde lalinense, José Crespo, lembraba onte con cariño nas súas redes sociais a «unha lenda do fútbol galego, nacional e internacional», aludindo a ese nomeamento como comendador hai 22 anos e o seu regreso a Lalín «en múltiples ocasións para participar na Encomenda; mantivemos certo trato persoal». «Vaise unha lenda do fútbol, pero sobre todo un gran galego e unha persoa cuns valores excepcionais», remarcaba Crespo, mostrando todo o seu cariño para os familiares e amigos dun regateador inigualable, un talento deportivo e humano.