«Sempre adoita saír un sorriso»

andrea outeiro / J. B. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

María García imparte sesións de terapia ocupacional coa súa cadela «Aria» un día a semana na residencia de anciáns As Dores de Lalín

28 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Dende o pasado mes de maio, os usuarios da residencia As Dores de Lalín están asistindo cada luns a sesións de terapia ocupacional con animais. Neste caso cunha cadela chamada Aria e a súa terapeuta, María García, da firma EnCanto de O Carballiño. Este proxecto denominado Huellas Terapéuticas comezou no pasado mes de maio grazas a unha subvención de axuda a entidades sen ánimo de lucro e ten unha duración inicial de seis meses, é dicir, ata o vindeiro mes de outubro.

María e Aria van unha vez por semana e fan dúas sesións con dous grupos. «Inténtase que os grupos sexan pequenos para que os participantes as poidan aproveitar o máximo posible», conta María García. Nestas sesións traballan principalmente os obxectivos de memoria e atención pero a través da figura de Aria. Explica María que «o que facemos nestas sesións é o que faría eu como terapeuta ocupacional, pero introducimos un elemento motivador como é o can». Ademais, a presenza do can engade un estímulo multisensorial xa que «entra pola vista, polo tacto ou polo olfacto», o que a moitas persoas lle sirve como unha reminiscencia porque moitos deles «conviviron con animais ou tiveron cans nas súas casas», afirma a terapeuta.

As actividades que se realizan alentan os niveis cognitivos e tamén os motores para que «os maiores se movan máis e teñan un alicente dentro da rutina para traballar e participar nas sesións», afirma a coordinadora do proxecto. Ademais, expón que «en xeral a eles, en maior ou menor medida, xórdelle algunha emoción» e que «sempre adoita saír un sorriso».

A terapeuta e as traballadoras do centro aseguran que nestas sesións os maiores adoitan botar sorrisos, interactúan, están máis atentos e interaccionan entre eles. «Despois de todos estes meses que estiveron pechados e illados pola pandemia isto é un soplo de aire fresco», resalta a terapeuta. Ademais, para eles é un día sinalado no almanaque e adoitan recordar que os luns van ver a Aria.

A María sempre lle gustaron os animais. É dona de Aria, que cumplirá oito anos en agosto. Graduouse en terapia ocupacional e ao rematar a carreira formouse en terapia asistida con animais. Tamén realizou cursos relacionados co adestramento canino. Ao verse como técnica experta en terapia asistida e entrenadora de cans de terapia decidiu ir formando a Aria pouco a pouco. «Dende moi pequeniña, con sete ou oito meses, comezou a vir comigo ao traballo unha vez por semana. Simplemente era para que se fora adaptando á xente, aos ruídos e ao ambiente, e xa con un ano comezou a facer terapia» relata María.

Aria tamén sabe cando está e cando non en horas de traballo. Para as sesións María colócalle un peto, que tamén serve como instrumento de traballo en actividades que fan como por exemplo ou bingo, xogos con tarxetas, dominós ou puzzles. «Aria sabe que cando ponse ou peto está traballando e tamén búscase positivizar cunha recompensa que lle guste. Nós traballamos por cartos, e ela por unha chuchería ou unha caricia», conta María. Ao principio de cada sesión fan unha rolda de saúdos, ou que tamén lle indica que comeza ou traballo. E para rematar hai unha rolda de despedida e as recompensas.

As terapias asistidas con animais teñen o obxectivo de mellorar as funcións físicas, cognitivas, emocionais e relacionais das persoas tratadas. Poden empregarse con persoas ou colectivos que presenten necesidades especiais. Como explica María, «deben estar sempre dirixidas por un profesional da saúde». Tamén afirma que este tipo de iniciativas son moi necesarias pero «dependen tamén da parte económica».

Aria