A maior parte da hostalería podería abrir a semana que vén

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

Só Silleda e Cerdedo aínda superan a cociente dos 250 de incidencia acumulada

21 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A hostalería podería abrir a semana que vén en todos os concellos da zona, fóra de Silleda e Cerdedo-Cotobade, onde a incidencia acumulada é aínda, e de momento, superior aos 250 casos detectados de covid a 14 días por cada 100.000 habitantes. No resto dos municipios das dúas comarcas onte as cifras eran xa inferiores. Ese 250 é o que marca o valor extremo de alerta por covid-19. A maioría dos concellos mantíñase onte na franxa de entre 150 e 250. É o caso dos de Lalín, A Estrada, Forcarei, Agolada e Vila de Cruces.

Mellor están os de Rodeiro e Dozón. O primeiro cunha incidencia acumulada a 14 días de entre 25 e 50 casos por cada 100.000 habitantes e Dozón en menos de 25. En Forcarei, Agolada, Vila de Cruces e Rodeiro, o número de casos diagnosticados nos últimos 14 días está na pinza dun a nove. En Lalín, con 37 casos diagnosticados nos últimos 14 días, a incidencia acumulada era de 183 por cada 100.000 habitantes, mentres que na Estrada con 41 era de 201 e en Silleda de 338. A máis alta está en Cerdedo-Cotobade, con 24 casos nos últimos 14 días, o que dá unha a incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes de 421.

En canto ao número de casos activos, onte en Lalín eran 32, o que supón outra nova baixada e en Silleda suman 35. Na zona continúa a tendencia á baixa cun descenso que vén xa facendo patente día a día e coa que se ve máis preto o fin desta terceira onda.

«Moitos restaurantes non van a abrir porque non da para manter aos empregados»

Alberto González, de Casa Currás en Lalín, sinala que abrir co 30 % de capacidade non compensa economicamente, pero no seu caso, se se pode, abrirán, explica. Pero «faremos unicamente cocido porque non podemos arriscar a mercar outras cousas e non podelo vender». En Lalín, sinala, «moitos restaurantes non van a abrir porque o principal problema son os empregados e cun aforo do 30 % non os das mantido». Álex Iglesias do restaurante Cabanas e representante do sector da hostalería de Lalín na AED coincide tamén en que moitos seguirán pechados. En Lalín, máis que a capacidade, a clave está nos peches perimetrais. Sen eles, a situación da hostalería podería mellorar ao permitir a chegada de clientes doutras zonas de Galicia. González sinala que «a xente ten moita gana de cocido e aínda que en vez de ser mesas grandes coma antes, veñan matrimonios e familias de tres ou catro poderíamos ir tendo actividade ás comidas toda a semana». O Currás serve cocido para levar. Un servizo que, apunta Alberto González, «está funcionando moi ben» aínda que a clientela teña que cinguirse aos veciños do municipio e aos que se desprazan por razóns de traballo.

Os peches perimetrais seguen supondo a principal limitación á hostalería lalinense que vive especialmente nestas datas, dos visitantes. Para os bares, a apertura aínda que sexa con capacidade reducida do 30 % en interior, o 50 % en terrazas e peche ás 18.00 horas, si é algo máis do que teñen e supón, polo menos, un paso cara adiante.

O anuncio da Xunta da posibilidade de reabrir a hostalería a semana que vén non acaba co cabreo monumental do sector que ten en marcha a convocatoria dunha nova protesta. O 24 terá lugar unha concentración de hostaleiros en numerosos municipios nunha convocatoria da Plataforma en defensa da hostalaría de Galicia. En Lalín será ás 18.30 horas diante do Concello. Están invitados os comerciantes.