Fotografías e cancións de Román Gutiérrez coa melancolía como musa

LALÍN

Cedida

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Este sábado, día 15, ás 21.00 horas no Círculo de Recreo de Lalín, Román Gutiérrez inaugura unha exposición fotográfica que irá acompañada por un concerto acústico. A mostra intégrana máis dunha decena de imaxes que teñen como basee paisaxes da contorna máis próxima do Grove por onde se move o seu autor, pero vistas desde unha perspectiva artística que pretende reflectir a melancolía.

Este sentimento é o eixo desta iniciativa que leva por título Gardo unha botella de choiva para os días de viño. Cada fotografía irá acompañada dunha canción orixinal que Román Gutiérrez interpretará en acústico acompañado dunha guitarra.

O proxecto, explica, Román Gutiérrez completarase despois cun traballo audiovisual e a edición dun pequeno libro. Despois de que se vexa en Lalín, a exposición viaxará por Galicia con citas xa concertadas en Pontevedra, O Grove, Santiago e Ponte Caldelas.

Coa mostra, o autor regresa á fotografía artística despois dalgunhas décadas.