Guille ficha polo CD Lalín tras xogar en Terceira División

LALÍN

Cedida

Matelo uniuse á renovación do capitán no novo proxecto deportivo roxinegro

19 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo proxecto deportivo do CD Lalín comeza a fraguar xa cun novo nome propio entre as incorporacións. Tras a renovación do capitán Ferreiro, o club desvelaba nas últimas horas a continuidade doutro dos seus futbolistas da pasada campaña. Matelo continuará nas filas roxinegras, aínda que quedou eclipsada a súa renovación pola primeira fichaxe relevante a cargo do club presidido por Jorge Rodríguez. Neste caso trátase dun xogador forxado na Escola de Fútbol Lalín, Guillermo Ulloa Guille.

Aos seus 23 anos, Guille convértese en novo xogador do CD Lalín ás ordes do técnico ourensán Moncho Salgado, tras ter militado a pasada tempada no Villalonga de Terceira División. Disputou dezanove partidos, quince deles como titular. O defensa recalara nese club tras tres campañas na Preferente Norte no Arzúa e pasar polo Pavillón Ourense de División de Honra Xuvenil.

Os primeiros pasos en canto ao persoal xa que logo apuntan a contar con xogadores lalinenses e da comarca. Tamén queda por coñecerse o equipo directivo que acompañar a Jorge Rodríguez.