Cubela cifra en máis de 14 millóns o investimento logrado en Cerdedo-Cotobade
CERDEDO
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, cifrou onte en máis de catorce millóns de euros as obras postas en marcha no que vai de ano no municipio. Proxectos ou obras xa en execución onde se conta con fondos tanto de Xunta como de Deputación, ademais de achegas do propio Concello.
Destacou entre esas actuacións o plan especial da área verde de Cerdedo, con dous millóns, así como o da estrada Caroi-Cerdedo con tres. O vial xa concluído de Almofrei supuxo 1,3 millóns, con catro para a residencia de maiores e centro de día de Carballedo. Aludiu ademais a iniciativas como o cambio de luminarias en oito núcleos da parroquia de Cerdedo ou a ampliación da PO-203 en Praderrei, Fentáns e Serrapio, xunto con Campo Lameiro, por importe de 4,3 millóns.