Río convida a xantar con fartura e á Feira Camba Sustentable

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

Rober Amado

Por primeira vez celebrarase un concurso de debulla de millo

18 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Queda só un puñado de tarxetas para gozar da Festa da Fartura de Río (Rodeiro), que terá lugar este domingo, e para a que se pechou un aforo de entre 400/450 comensais. Un festexo que se levará a cabo de xeito paralelo á Feira Camba Sustentable, na que os visitantes terán a posibilidade de ollar produtos de artesanía e de alimentación da zona. «A parte gastronómica do evento naceu un ano antes que Camba Sustentable, pero en conxunto funcionan moi ben, e as festas para que teñan tirón hai que ter algo de comer», explica dende a organización Camilo Feijoo; directivo da Asociación Camba Sustentable.

E non quixeron os de Río facer unha festa con escasa materia prima, foron case o máximo permitido nun xantar: empanada de torresmos, coello e polo á brasa, porco ao espeto e, para facer unha boa dixestión sobremesa con requeixo con mel e xeado artesán. Ninguén sairá de Camba con fame. «Festas gastronómicas pola comarca hai unha man chea delas, pero nós apostamos por aglutinar todo nunha e ofrecer un menú completo do que xa eliminamos o cordeiro que se facía moito». A organización apostou por pechar o aforo de asistentes ao xantar para poder atender a todo o mundo o mellor posible, «pero tamén para calcular os quilos de materia prima e non ter que tirar comida ao lixo». Da elaboración do coello e polo á brasa e do porco ao espeto faranse cargo os organizadores que comezarán ás 6 da madrugada coa preparación do porcino que require de varias horas de asado.

Unha das novidades deste ano é a celebración do Concurso de debulla de millo e aturuxos, que terá lugar despois do xantar, e sobre o que se mantén aínda certa incógnita. «A idea xurdiu dun membro da organización e seguro que nos deparará algunha sorpresa. A finalidade é darlle ambiente á festa e que se goce de todas as actividades programadas».

A XVII Festa da Fartura e XVI Feira Camba Sustentable, que comezará oficialmente ás 11.30 horas, acollerá na súa parte musical coas actuacións da formación local Os Varacuncas; cuxo primeiro concerto coincidiu precisamente coa primeira edición do festexo, Mekánica Rolling Band e Duendeneta. Haberá tamén concentración de coches clásicos, pasarrúas de Os do Chimpín e a sesión vermú estará amenizada por Los Pretty nunha xornada que pretende ser de exaltación dos produtos de Camba.