Carmen Méndez Fraga soprou as velas do seu cen aniversario

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

MIGUEL SOUTO

Veciña de Trascastro, en Agolada, celebrou onte o seu aniversario acompañada da súa familia e veciños

06 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Din os veciños que parte do mérito é do aire do Farelo e da auga pura e milagrosa da Pena de Auga Bendita. Sexa por iso ou por pura xenética, o caso é que en Trascastro (Agolada) abundan os veciños de idade e, ao longo do tempo, foron frecuentes os centenarios. Onte familia e veciños celebraban o aniversario de Carmen Méndez Fraga, que soprou as velas do seu cen aniversario e sorría cando lembraba os bailes e a música da súa mocidade. Contaba a súa filla Carmen que a súa nai «bailaba moi bonito» e iso que o seu pai, apunta, non era moito de bailar. Aínda que utiliza unha cadeira de rodas para desprazarse, Carmen non sufriu en toda a súa vida nin unha operación. A súa vida foi atender a casa, as leiras e os animais, co seu marido, que faleceu con 97 anos, en 2013 e despois de case 70 anos xuntos.

Onte a esta nova centenaria dezana nada en Friufe, na parroquia de Merlín, en Agolada, acompañábanlle a súa filla Carmen, o seu neto José Ignacio Negro e o seu xenro, Armando Negro. Carmen e o seu marido, natural de Trascastro, casaron en 1944 e construíron a casa onde onte se atopaba a familia. Tiveron tres fillas pero dous delas, comentaba onte o seu xenro, faleceron de nenas.

A súa filla comenta o bo apetito da súa nai, que come de todo, e que non perdoa o seu medio vasiño de viño e o seu café ás comidas. Explica que nin ela nin o seu pai merendaron nunca nin durmiron a sesta e que a súa nai era das que non paraba un minuto «era a primeira que se levantaba e a última que se deitaba», sempre en constante actividade.

Coa idade, Carmen, que nunca foi de doce afeccionouse ao azucre así que onte seguro que gozou da súa gran torta. Entre os veciños de Carmen atópanse varios que andan xa polos noventa e unha veciña que xa suma 99. Unha comunidade que onte celebraba tamén con Carmen e a súa familia o aniversario da máis lonxeva de Trascastro. Desde aquí a nosa felicitación a Carmen e á súa familia.