Resolvéronse algo máis dun milleiro, 557 en Lalín e 456 na Estrada
18 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os xulgados de Lalín e A Estrada resolveron no terceiro trimestre deste ano algo máis dun milleiro de asuntos: 1.013, segundo os datos facilitados onte polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Desta cifra, 684 foron asuntos civís: 374 na Estrada e 310 en Lalín, mentres que os 329 restantes corresponden a asuntos de natureza penal, 183 deles resoltos nos xulgados lalinenses e os 146 restantes nos estradenses. Son menos que os resoltos no segundo trimestre deste mesmo e que ascenderon a 1.441.
En cambio durante ese período, os xulgados das dúas comarcas recibiron 1.125 asuntos, unha cantidade moi similar á do trimestre anterior, con 1.129. En canto aos asuntos ingresados foron 736 en Lalín e 389 na Estrada. Destes, 747 foron asuntos de índole civil: 507 en Lalín e 240 na Estrada fronte a 378 asuntos penais: 229 recibidos nos xulgados lalinenses e 149 nos da capital dezana.
No mes de xullo, ao comezo deste terceiro trimestre, os xulgados tiña, segundo os datos do Consello do Poder Xudicial, un total de 1.936 asuntos en trámite, o que supuña unha rebaixa importante respecto ao trimestre anterior tendo en conta que en marzo a cifra de asuntos en trámite nos xulgados da zona era de 2.248. Destes 1.936 asuntos en trámite, 888 estaban en xulgados da Estrada e os 1.048 restantes en xulgados de Lalín. Dese total, o groso eran asuntos pertencentes á xurisdición civil con 1.485 na zona: 803 en Lalín e 682 na Estrada. Os 451 restantes encadrábanse dentro da xurisdición penal con 245 na sede estradense e 206 na lalinense.
Ao final o terceiro trimestre, o número de asuntos en trámite pendentes nas sedes dos dous partidos xudiciais era de 2.049. Deste número, 1.227 estaban pendentes nos xulgados lalinenses e os 822 restantes nos estradenses. De novo, a maior parte corresponde a asuntos civís cun total de 1.548, dos cales 936 son achegados por Lalín e 612 pola Estrada, mentres que os 510 restantes correspóndense a asuntos de natureza penal, 291 deles en Lalín e 210 na Estrada.
Ao longo do terceiro trimestre os órganos xudiciais de Deza e Tabeirós-Terra de montes ditaron un total de 227 sentenzas. Destas, 140 foron realizadas polos xulgados lalinenses e 87 na Estrada. Do total, 176 corresponden a fallos de asuntos de natureza civil: 104 en Lalín e 72 na Estrada e 51 a casos de natureza penal con 36 sentenzas ditadas en Lalín e 15 na Estrada.
A estas súmanse 405 autor e 266 decretos. En canto aos autos, foron 243 en Lalín e 162 na Estrada. Son 194 de natureza civil con 141 en Lalín e 53 na Estrada e 211 de xurisdición penal con 102 en Lalín e 109 na Estrada. Para rematar, dos 266 decretos emitidos polos xulgados das dúas comarcas, 201 corresponden a Lalín e 67 á Estrada. Neste caso son 259 relacionados con asuntos civís con 194 en Lalín e 65 na Estrada e tan só 7 de natureza penal, todos eles ditados polos xulgados lalinenses.
Violencia de xénero
En canto aos asuntos relacionados con violencia contra a muller, no terceiro trimestre ingresaron 35 nos xulgados de Lalín, 33 deles de natureza penal; e 17 na Estrada, 16 de natureza penal. Ditáronse de xullo a setembro só dúas sentenzas relacionadas por este tipo de asuntos con fallos consignados nos xulgados lalinenses..