A Estrada publica as bases para tres premios literarios e recibirá obras ata o 31 de xaneiro

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

13 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O departamento de Cultura publicou na web municipal as bases para tres premios literarios que organiza o Concello da Estrada, galardoados con 15.000 euros en total: o Premio de Poesía Avelina Valladares, o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi e o Premio de Novela Manuel García Barros. Todos os textos terán que ser remitidos antes do 31 de xaneiro.

O primeiro dos certames celebrará o vindeiro ano tres décadas de historia. Os orixinais terán tema e forma libres, se ben os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e un máximo de 800. A dotación económica e de 2.000 euros. O segundo, concibe o álbum infantil como o conxunto de texto e ilustración, sumando a sexta edición. Establécese un mínimo de oito páxinas rematadas. Poderán concorrer ao primo tanto unha soa persoa autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras de ambas partes. O gañador levará un premio de 4.000 euros.

Finalmente, o García Barros chega á súa 38 edición. Os textos deberán ser entregados baixo lema e cun sobre pechado no que se inclúan os datos do autor e o título da novela. A dotación económica é de 9.000 euros. Os textos deberán ser inéditos e totalmente orixinais.