Os espazos adaptaranse ás necesidades emocionais dos nenos
04 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Tres voluntarios estradenses da Fundación Andrea —Iván Lorenzo, Cris Quinteiro e Montse Otero— tiveron o ano pasado a feliz idea de organizar unha gala local para recadar fondos para o colectivo, que centra a súa actividade no apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminal. O evento resultou un éxito rotundo. Logrou reunir a 2.500 persoas e recadou máis de 8.000 euros para a causa.
Como agradecemento pola solidariedade recibida, a Fundación Andrea promoverá na Estrada a «dulcificación» de todas as consultas de pediatría do centro de saúde local. Anunciouno este mércores a presidenta da fundación, Charo Barca, na presentación da segunda edición da gala. «Gústanos devolver dalgunha forma o que se nos dá. A Fundación traballa sobre todo no día a día nos hospitais, pero hai moitos rapaces que reciben a alta pero son enfermos crónicos que seguen acudindo a miúdo ás consultas. Por iso falamos coa Consellería de Sanidade para levar a cabo a dulcificación desas consultas de hospitais e centros de saúde», explicou Charo Barca.
A Fundación acadou un acordo coa Xunta para intervir nas consultas de pediatría estradenses no primeiro trimestre do ano. Crearanse contornas máis cálidas, próximos e adaptados ás necesidades emocionais dos nenos. A idea é que os pequenos perciban o centro de saúde como un lugar amable e acolledor no que ademais de sentirse coidados poidan atopar espazos nos que o xogo e a alegría estean presentes.