O servizo de Atención Temperá da Estrada activa o seu horario ampliado

Rocío García Martínez
asperxo garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Concello dá Estrada

Os profesionais pasan de 20 a 30 horas semanais e atenden a 45 menores

23 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A unidade de Atención temperá da Estrada comezou a traballar co seu novo horario ampliado, pasando das 20 horas semanais que viña realizando cada un dos profesionais do servizo ás 30 que se prestarán desde este mes.

Despois de asinarse o contrato coa firma adxudicataria, os servizos de logopedia, psicoloxía e terapia ocupacional que ofrece este servizo incrementan a súa dispoñibilidade. Desde o Concello apuntan que a pretensión é que os nenos que xa asistían a esta unidade poidan axustar o número de horas ás súas necesidades e que outros en lista de espera poidan incorporarse.

A ampliación horaria fíxose coincidir co trámite da nova adxudicación, tras a extinción do anterior contrato. Tivo como resultado a selección da firma Foltra, anterior adxudicataria, entre as ofertas presentadas. En todo caso, o procedemento contemplaba a subrogación dos tres profesionais que viñan prestando os seus servizos na unidade estradense. A referida contratación ten asociado un presuposto de 175.000 euros, sendo un contrato dun ano prorrogable por outro.

O centro atende a menores de entre 0 e 6 anos. Todos os usuarios chegan ao programa derivados por Pediatría. A edil de Servizos Sociais, Amalia Goldar, confirmou este mércores que, cos cambios derivados da ampliación horaria, serán 45 os nenos que asistan a esta unidade. Por áreas, 20 deles están vinculados a terapia ocupacional, 22 á de psicoloxía e outros 22 a logopedia.

Goldar sinalou tamén que o incremento de horas permitiu xa a incorporación ao servizo dos nenos que levaban máis tempo agardando. Aínda que desexou que este incremento horario, sumado á fluctuación do servizo, permita reducir ao mínimo as esperas, a edil asumiu que «as necesidades sempre son máis que os recursos».

O servizo é gratuíto para as familias. O Concello ten que anticipar os fondos, pero a Xunta achega logo practicamente o 100% do custo a través da Consellería de Política Social. Neste momento, o funcionamento da unidade require 84.825 euros ao ano.

A nivel organizativo, o aumento das horas suporá que os profesionais coincidan máis xuntos no servizo, o que permitirá mellorar a atención directa ao usuario e a coordinación dos servizos. A unidade funcionará os luns, martes e mércores de 8.00 a 19.00 horas, os xoves de 8.00 a 14.00 e os venres de 8.00 a 15.00 horas.