A Estrada cita aos solicitantes de viaxes do Imserso e avanza que non haberá prazas para todo o mundo
A ESTRADA
A concelleira estradense de Servizos Sociais, Amalia Goldar, informou onte de que o Concello da Estrada acaba de recibir a resolución do Programa de Turismo do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) pola que se lle conceden ao municipio estradense 16 viaxe e un total de 385 prazas. Desde o Concello xa se está chamando ás persoas anotadas para que —seguindo a orde da inscrición realizada o pasado mes de xullo— acudan ao consistorio para facer a súa elección entre os destinos ofertados.
Os usuarios serán atendidos entre o 20 de outubro e o 4 de novembro. Despois do aviso telefónico, os interesados recollerán no Concello unha carta na que se lles achega toda a información sobre destinos, datas e prezos. Trátase dunha comunicación personalizada, na que tamén se inclúe unha cita, con data e hora, na que terán que acudir ao departamento municipal de Servizos Sociais para escoller viaxe. Desde o 20 de outubro están en axenda trinta citas diarias, cada unha delas con quince minutos de diferenza.
Desde o departamento estradense de Servizos Sociais púxose onte o acento na conveniencia de que as persoas acudan á cita con varios destinos pensados, tendo en conta a posibilidade de que ningúns dos seus lugares preferentes poidan estar xa esgotados cando lles chegue a quenda de elección. Faise notar, ademais, que se respectará de forma estrita o día e a hora de cada unha das citas.
Aínda que despois da inscrición realizada no mes de xullo remitiuse o número de solicitudes ao Imserso, as prazas concedidas para o Concello da Estrada son menores que a demanda, de forma que non poderán viaxar todos os solicitantes. A tendencia non é nova. O ano pasado tamén se rexistraron máis solicitudes que prazas concedeu o Imserso ao Concello. Entón quedáronse sen praza 140 solicitantes. Os primeiros viaxeiros partirán o 10 de febreiro e os últimos viaxarán o 1 de xuño.
En canto aos destinos, entre as opcións concedidas á Estrada figuran distintas alternativas e datas para viaxes a Mallorca, Roquetas do Mar (Almería), Benidorm (Alacante), A Manga (Murcia), Palencia ou Tenerife.
De 6 a 10 días
A estancia máis curta é de seis días e as máis longas (tamén as máis habituais) son de dez. Os prezos oscilan entre os 285 euros e os 464. O Concello da Estrada inclúe para estes veciños os desprazamentos en autobús ao aeroporto.