
O barrio celebrará a súa particular Subida e a súa Festa do Porquiño
21 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os veciños da Avenida de Fernando Conde, na Estrada, programaron para o sábado 27 de setembro a cuarta edición da súa Festa do Porquiño, un evento que naceu a raíz dos lazos que a pandemia estreitou entre os residentes no barrio e que cada ano colle máis forza.
Unha das actividades máis vistosas da xornada festiva é a Subida de Carretillas, que xa vai pola terceira edición. Será ás 12.30 horas. Haberá premios de 300, 150 e 75 puntos para as tres primeiras parellas en completar a subida. Tamén se premiarán con 120, 80 e 50 euros, respectivamente, as carretillas mellor decoradas e máis orixinais. As parellas interesadas en participar pódense inscribir (20 euros) na Hamburguesería Florida.
A Festa do Porquiño ten como acto central un xantar popular que se celebra baixo unha carpa na parte posterior da Hamburguesería Florida, a partir das 15.00 horas. As persoas interesadas en participar poden reservar os seus billetes no citado local de hostalería ou nos teléfonos 986 570 264 e 609 356 889. O menú incluirá porco á brasa, chourizos ao viño, pan, viño, refrescos, sobremesa e café. O prezo será de 20 euros (10 euros para os nenos de 7 a 13 anos e gratis para os pequenos de menos de 7 anos). Tras a sobremesa haberá un concurso de tiro á corda, xogos populares e inchables gratis para os máis pequenos. A Banda de Música Municipal da Estrada, o dúo Arco da vella e a discoteca móbil Pirámide XL animarán a xornada e prolongarán a festa ata altas horas.