A Estrada fixa o 26 de xuño e o Martes de Entroido como festivos locais para o 2026
A ESTRADA

A Estrada acordou fixar o 26 de xuño (San Paio) e o Martes de Entroido (que o ano que vén coincidirá no 17 de febreiro) como festivos locais para o 2026. O asunto debateuse xa no seo da Mesa Local de Comercio e do Consello Económico e Social. Mañá xoves ás 20.00 horas a proposta someterase tamén ao ditame da comisión informativa de Organización, Persoal e Asuntos Xerais, co obxectivo de recibir a aprobación final do pleno na sesión ordinaria de setembro.
Na Estrada adoitan elixirse como festivos locais o día do patrón (26 de xuño) e o do Santísimo Sacramento (27 de xuño), durante a celebración do San Paio. Este ano, con todo, o 27 coincide en sábado. Por iso, sobre a mesa estivo elixir como festivos locais o 25 e 26 de xuño pero, ao ser o 24 (San Xoán) festivo autonómico no 2026, serían tres días de peche seguidos, algo inviable para o sector da alimentación, que non pode pechar máis de dúas xornadas consecutivas.