A vaga de incendios que está devastando Galicia obriga a extremar as precaucións para evitar novos focos. Por iso, o BNG da Estrada solicita ao goberno municipal que nos próximos días non se lancen fogos de artificio en festas e outros eventos. «Pensamos que é de sentido común que o goberno municipal pida aos veciños e veciñas que non tiren foguetes durante as celebracións das festas patronais que estes días abondan no noso concello», afirman.
Razoan a medida pola «situación excepcional que vive o noso país, cunha vaga de incendios que non parece ter fin e cunhas previsións meteorolóxicas que non albiscan choiva nos próximos días». Doutra banda, lembran que na Estrada tiveron lugar dous incendios a semana pasada —Souto e Requián— «que tensionaron os servizos de emerxencia, nun concello que naquela altura aínda non tiña as brigadas antiincendios constituídas».
Así mesmo, lembran que en caso de declararse o nivel 2 de alerta o lanzamento de fogos de artificio estaría completamente prohibido. «Sabemos que o Concello non pode prohibir aos veciños e veciñas que lancen foguetes no actual nivel de alerta, mais si suxerir non facer este tipo de exhibicións dadas as circunstancias excepcionais que vivimos», sinalan.
Soutelo de Montes
Un exemplo desta conduta cívica para previr incendios deuno a comisión de festas de Soutelo de Montes (Forcarei), que celebra estes días os seus festexos patronais. Os organizadores anunciaron o venres a cancelación da tirada de lumes por seguridade.