
O Concello sumouse á retransmisión en directo o día 19 de «A Traviata» de Verdi desde o Teatro Real de Madrid
12 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Achegar o mundo da ópera a novos espectadores centra unha iniciativa do Teatro Real de Madrid que xa cumpre dez anos. E nesta ocasión A Estrada terá protagonismo. O día 19 de xullo retransmitirase en directo a representación dunha das obras máis universais, A Traviata de Giuseppe Verdi, e entre as localidades onde se poderá ver figura a estradense. A emisión comezará ás 21.00 horas e poderase seguir a través dunha pantalla xigante na Porta do Sol.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, presentou onte esta proposta musical diferente que impulsa o Teatro Real de Madrid, achegando a ópera á rúa. Desde hai unha década a institución realiza estas retransmisións en directo de grandes obras e conseguir que sexan accesibles a todo tipo de público. O sinal televisivo facilítase de forma gratuíta ás entidades que, como A Estrada, decidiron sumarse e participar no programa. O Concello achega o espazo e os medios técnicos necesarios para a emisión do sinal.
Seoane destacou que se trata de «unha oportunidade única para que o público poida gozar da beleza da ópera, dende o Teatro Real de Madrid pero case sen movernos da nosa casa». Aludiu a que A Traviata figura entre as pezas máis apreciadas polo público pola súa intensidade, mesturando romanticismo con traxedia. Hai que lembrar que está baseada no libro A dama das camelias do coñecido escritor Alejandro Dumas.
Esta ópera, que poderán ver e escoitar os estradense o día 19 na Porta do Sol a través da pantalla xigante, conta a apaixonada historia de amor en Paría, no século XIX, entre a cortesá Violetta Valèry e o nobre Alfredo Germont. A felicidade da parella ver ameazada pola hipocrisía da sociedade burguesa desa época. Conta a obra cunha música moi emotiva e con arias xa míticas como Sempre libre.